Nas Rías Baixas segue habendo "moitísima heroína" e a 'operación Babá' sacou do mercado 30 quilos procedentes de Irán

Pontevedra
20 de outubro 2023

A Policía Nacional detivo ao condutor dun camión con matrícula eslovena que levaba oculto nun habitáculo un alixo de 30 quilos de heroína. O condutor, de orixe croata, ingresou en prisión provisional, comunicada e sen fianza. A droga ten un selo personalizado escrito en persa que, na tradución, significa "ben feito"

Operación Baba contra o tráfico de heroína / PontevedraViva

A Policía Nacional puido constatar que "segue habendo moitísima heroína" en Galicia e nas Rías Baixas e proba diso é a última operación antidroga desenvolvida esta mesma semana pola Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) de Pontevedra, na que detiveron ao condutor dun camión con matrícula eslovena que levaba oculto nun habitáculo un alixo de 30 quilos de heroína. 

Esta operación, bautizada 'Babá', súmase á incautación en abril de 25 quilos de heroína por parte desta mesma unidade, facendo 55 quilos que, no caso desta substancia, é un gran alixo. Ambas as operacións, en principio, non están relacionadas. 

Así, o inspector José Abreu, responsable do grupo 2 de Udyco Pontevedra, explica que en todo o ano en España adoitan intervirse entre 100 e 150 quilos, de modo que a cantidade intervida en Pontevedra podería supoñer a metade do habitual de todo o país en todo un ano. 

O inspector Abreu deu conta dos detalles da operación este venres nunha comparecencia na Comisaría Provincial acompañado polo comisario provincial, Juan José Diaz Jiménez; a subdelegada do Goberno en funcións en Pontevedra, María Isabel Alonso de Linaje Calzada; e o inspector Luis Ortiz Morales, responsable da Brigada Provincial de Policía Xudicial.

O camión con eses 30 quilos de heroína foi localizado sobre as 22.00 horas da noite do mércores 18 de outubro na estación de servizo da autovía do Salnés como resultado dunha investigación policial que comezou a mediados de agosto, ao ter coñecemento dunha trama internacional dedicada a importar grandes cantidades de heroína a España e Portugal.

Resultou crucial a colaboración co grupo Udyco da Costa do Sol, que alertou a Pontevedra da posibilidade da chegada a España dun camión con heroína. Tras poñer en marcha un complexo operativo de vixilancia, localizouse no Salnés e na madrugada do mércores ao xoves os axentes realizaron un rexistro no vehículo. 

Dentro do camión, na parte traseira, baixo o piso da gabarra, atoparon un habitáculo oculto "perfectamente deseñado" para esconder no seu interior 30 paquetes envasados ao baleiro. Cada paquete tiña catro porcións de 250 gramos, isto é, 30 quilos de heroína. 

O condutor, de orixe croata, foi detido e trasladado á Comisaría, onde se negou a declarar ante os policías. Este venres, foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, en funcións de garda, que decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. 

O home está investigado por un delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico que causa grave dano á saúde.

A operación continúa aberta e a Policía Nacional continúa "facendo comprobacións" e non descarta máis detencións. De momento, xa constataron que o camión agora intervido "estivo máis veces en España", un dato que os leva a pensar que "non é a primeira vez que está por aquí co mesmo labor", isto é, que puido usarse en alixos previos.

 

A heroína localizada ten un selo personalizado escrito en persa que, na tradución, significa "ben feito". Os investigadores teñen a hipótese de que a droga procede de Irán, escondeuse en Holanda e entrou en España a través dos Pireneos. 

Galicia é vía de entrada ao mercado español da heroína e os cálculos policiais falan de que aquí estaba previsto que quedase o 20%, outro 20% trasladaríase a Madrid e entre o 50 e o 60% acabaría en Portugal, "un gran consumidor desta substancia". 

O quilo de heroína véndese actualmente en España a entre 25.000 e 27.000 euros, un prezo moi alto con respecto ao habitual porque "hai pouca e está moi cara". O gramo adoita venderse ao consumidor final a 45 euros.