O estudo de arquitectura Nan Arquitectos atópase entre os finalistas aos premios iberoamericanos de deseño e iluminación Iluminet 2016. Trátase da única firma de arquitectura con orixe galega que opta a recibir este recoñecemento, cuxo acto de entrega terá lugar o próximo 4 de novembro en Cidade de México no marco da celebración da segunda bienal iberoamericana de deseño e iluminación.
O xurado destes premios está formado por expertos de recoñecida traxectoria profesional no ámbito do deseño e a iluminación a nivel internacional.
Para a edición deste ano, o xurado seleccionou un total de 43 proxectos finalistas en base a criterios de calidade e boas prácticas e que entrarán a formar parte do libro conmemorativo da bienal. Entre os proxectos finalistas o xurado elixirá os tres gañadores do premio Iluminet e destacará algúns traballos con mencións especiais e de honra.
A firma galega opta aos premios por dous dos seus últimos proxectos: as instalacións dunha clínica médica e as oficinas dunha axencia creativa. Baixo un trazo minimalista, os espazos de Nan Arquitectos caracterízanse polo uso de materiais diferenciadores, un deseño racional e por potenciar os elementos arquitectónicos a través dun coidado proxecto de iluminación.
Os seus traballos buscan crear espazos identitarios, que acheguen contido e personalidade.
Vicente Pillado, socio de Nan Arquitectos, será o encargado de representar ao estudo na cerimonia de entrega de premios. Segundo as súas propias palabras: "O feito de que dous dos nosos proxectos fosen seleccionados para uns premios internacionais do deseño é todo un orgullo para nós. Supón un recoñecemento ao noso traballo e o noso esforzo por crear espazos orixinais e con carácter".
SOBRE NAN ARQUITECTOS
Nan Arquitectos é un estudo de arquitectura e deseño que naceu en 2013 da man dos arquitectos Alberto Reiriz, Wenceslao López e Vicente Pillado. Con sede en Pontevedra e delegación en Madrid, a firma centra a súa actividade en proxectos de arquitectura, deseño e interiorismo para vivendas, oficinas e locais comerciais. Os seus traballos caracterízanse por manter un deseño minimalista e racional, potenciado por un coidado deseño de iluminación.
Entre outros galardóns, no seu primeiro ano de vida o estudo recibiu o recoñecemento do colexio de arquitectos de Vigo e de Pontevedra por dous dos seus traballos (premios Gran de Area edicións 2013 e 2014).