A actuación dos servizos sociais de Marín e a colaboración entre a Policía Nacional de Vigo e de Marín permitiron deter dúas persoas, nai e filla, pola súa relación coa explotación sexual de mulleres estranxeiras en situación irregular.
Nai e filla formaban parte dun clan familiar que rexenta un local público e un piso privado dedicados á prostitución. O piso estaba enfocado á explotación das mulleres que se atopaban en situación irregular en España, porque na privacidade dunha vivenda era máis fácil eludir os controis.
A orixe desta actuación policial remóntase a finais de 2023, cando os servizos sociais de Marín detectaron a situación de tres mulleres de orixe estranxeira, pertencentes a un mesmo núcleo familiar. Estas mulleres, segundo informaron fontes policiais, eran explotadas sexualmente.
A Comisaría da Policía Nacional de Marín deu protección inmediata ás vítimas e comunicaron os feitos ás unidades especializadas na loita contra a trata de seres humanos a nivel xudicial e policial.
A Unidade contra Redes de Inmigración e Falsidades Documentais (UCRIF) da Comisaría de Vigo-Redondela abriu unha investigación para localizar aos autores e, en colaboración con axentes de Marín, realizaron inspeccións sobre o terreo no local onde se explotaba ás vítimas.
Segundo as informacións da Policía Nacional, as vítimas foron atraídas ao negocio pola súa difícil situación económica e coa promesa de axudarlles a regularizar a súa situación, cousa que nunca pasou.
O piso atopábase en condicións infrahumanas, tanto polo estado do lugar, absolutamente insalubre, como polos traballos e maneira en que lles obrigaban a realizalos, e a carencia de descanso.
A Policía Nacional confirma que esta explotación e as condicións nas que eran obrigadas a prostituírse propiciaron graves secuelas físicas e psicolóxicas nas vítimas.
As dúas mulleres detidas pasaron ao dispor do Xulgado de Instrución de Marín o pasado 25 de abril e quedaron en liberdade en calidade de investigadas.
A Policía Nacional ten diferentes canles de participación cidadá (teléfono da Trata 900105090 e ao correo electrónico [email protected], para detectar Vítimas de Explotación e poder auxiliar as mesmas.