Se buscas en Internet, en hemerotecas, en libros de historia, en documentos, Josefa Fariña parece que non existiu. Viviu en Pontevedra entre 1898 e 1944, rexentou un ultramarinos e escribía, pero, cando casou, destruíu todos os seus textos. Só se conservan dela un nome e unha foto. Parece que non foi ninguén e, en realidade, Josefa Fariña son (somos) todas as mulleres.
O seu nome e a súa historia serviron de inspiración para o alumnado de segundo curso do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero que se imparte no CIFP A Xunqueira. Todo empezou como un traballo de clase do módulo de Participación Social das Mulleres e a próxima semana culminará coa entrega da primeira edición dos Premios Josefa Fariña.
Chegaron á figura de Josefa Fariña a través dos traballos de xénero da súa profesora, Sonia Rodríguez Vidal; investigaron sobre mulleres de Pontevedra de gran valía e traxectoria notable que non teñen o coñecemento e recoñecemento social que merecen; e decidiron "fomentar a sororidade e o respecto entre mulleres" creando estes premios.
Era un traballo de clase co que neste mes de marzo no que se conmemora o Día Internacional da Muller buscaban reivindicar en positivo e loitar "dando visibilidade ás mulleres pontevedresas que triunfan en diferentes ámbitos e das que ninguén fala", pero gustou tanto ao alumnado, ao centro e ás condecoradas que decidiron saír da aula, facer un acto formal de entrega e mesmo convidar ás autoridades.
Tal e como confirman desde o centro, xa confirmou asistencia o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e hai programadas sorpresas como a lectura dun poema adicado a Josefa, que lerá a alumna Aida González.
A gran cita que esperan será o 17 de marzo pola tarde no salón de actos do centro, pero unha parte do obxectivo que buscaban xa se ve no seu día a día. PontevedraViva acompañou ao alumnado nunha clase de habilidades sociais, co seu titor, Miguel Ángel Rodríguez Fernández, para coñecer os detalles da iniciativa.
Unha das alumnas, Lara Mallo, explica que "é unha forma de honrar Josefa Fariña e tamén de entregar premios a mulleres que levan toda a vida dedicándose a diferentes áreas e que merecen un recoñecemento".
Serán 14 as mulleres premiadas, 13 categorías e un premio especial en recoñecemento do traballo feminino no eido dos coidados, que será este ano para a familia Concepción Diéguez González, nai de Antía Sueiro e cofundadora da asociación Antía Sueiro para a Axuda a persoas con Parálise Cerebral e as súas familias.
Será un "acto feminista" ao que quixeron poñerlle o nome de Josefa Fariña porque, segundo explica Sonia Rodríguez, "Josefa, escribe, traballa, soña, pero a realidade imponlle outra vida que non lle gusta. Unha vida na que as mulleres non contabamos nada".
Puxéronlle o seu nome porque Josefa "é todas as mulleres" e "todas debemos de agradecer a invisibilidade de moitas para coller a testemuña de loitar con forza agora e seguir cambiando cousas, ata que falemos de persoas iguais. Ata que teñamos a liberdade de ser o que queiramos ser. Josefa non puido".
Así, ela dálle o seu nome, pero "somos todas as mulleres, non é unha muller". De Josefa non hai case rastro e, precisamente, "non ter nada dela, é o que deu forma ao traballo" de investigación que fixo o alumnado.
As condecoradas este ano son máis coñecidas, pero non todo o que deberían e, entregándolle o premio a elas, tamén aspiran a recoñecer a "moitas mulleres das que non hai dato relevante", como homenaxe a todas as "avoas e bisavoas que fixeron posible que estamos aquí".
Na mesma época de Josefa e todas esas avoas apenas se coñecen figuras femininas, máis alá de Emilia Pardo Bazán (1851-1921) ou, ou pouco antes, Concepción Arenal (1820-1893), pero "hai tantas como elas" que non se coñecen agora que non queren que lles volva a pasar a máis mulleres e buscan "poñer luz a outras mulleres porque antes non se podía".
O seu titor destaca que esta iniciativa é a actividade académica "ideal" pola relevancia que colleu e pola "ilusión" que xerou entre o alumnado e entre as condecoradas. "Que o alumnado se implique" non é algo sinxelo de conseguir e, neste caso, a implicación foi total.
Foi o propio alumnado o que fixo a selección das mulleres destacadas da cidade de Pontevedra e recoñece que "non foi unha tarefa fácil porque non nos aparecen mulleres en seguida". Hai moitas, pero fálase pouco delas.