Nace unha plataforma veciñal contra a fusión de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
01 de marzo 2016

Os portavoces socialistas apoian este movemento e consideran "impresentable" como se está a desenvolver todo o proceso de fusión. Consideran que os beneficios que se alegan son cuestionables

O alcalde de Cotobade cos representantes da Asociación de veciños de Augasantas (arquivo)
O alcalde de Cotobade cos representantes da Asociación de veciños de Augasantas (arquivo) / Concello de Cotobade

Os veciños de Valongo reúnense este martes 1 de marzo na Casa do Pobo para constituír a plataforma en defensa da "Non fusión" de Cerdedo e Cotobade. Durante esta semana estanse realizando reunións en diferentes puntos de ambos os concellos nos que se está promovendo unha plataforma contraria a este unión promovida desde a Xunta de Galicia.

Os socialistas de ambos os concellos tamén se unen contra esta fusión e os portavoces, Lina Garrido e Xoel Vázquez, cualifican de "impresentables" as formas nas que os alcaldes Jorge Cubela e José Balseiros están a levar a cabo esta operación. Segundo sinalan os integrantes do PSOE, a crispación está a crecer en ambos os municipios e critican que se están convocando reunións informativas ás 17.00 horas sen que os veciños poidan asistir ao atoparse traballando. Lamentan ademais a escasa información que se facilita.

Desde o PSOE pregúntanse que vai pasar co PAC de Cerdedo, co centro de día que "debería ter Carballedo" ou cos tres colexios que quedarían no novo concello. Ademais sinalan que os veciños de Cerdedo terán que acudir ata Carballedo, onde se instalará a capital, provocándolles problemas de desprazamentos. 

Os veciños e os socialistas reclaman unha consulta popular sobre esta fusión que, segundo denuncian, colleu a todos por sorpresa.