Nace a primeira Comisión pola Saúde de Sanxenxo

Sanxenxo
19 de marzo 2025
Actualizado: 16:55

A iniciativa, impulsada polo Concello e profesionais sanitarios, busca mellorar a calidade de vida dos veciños mediante accións comunitarias coordinadas

Comisión pola Saúde de Sanxenxo
Comisión pola Saúde de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo estreou a súa primeira Comisión pola Saúde, froito da colaboración entre a área de Servizos Sociais do Concello e o persoal sanitario dos centros de saúde de Baltar e Vilalonga.

Este novo órgano nace co propósito de compartir recursos e crear sinerxías entre administracións para beneficio de toda a poboación.

"Tratar de unir e coordinar esforzos cunha posta en común entre ambas as administracións nas que gañe a saúde dos nosos veciños e veciñas de todas as idades", destacou Paz Lago, concelleira de Servizos Sociais, durante a reunión constitutiva.

Neste primeiro encontro, o Concello presentou un catálogo de programas municipais enfocados ao benestar, entre os que destacan o Taller de Memoria, a Educación Física para Maiores, a Unidade de Atención Temperá e os programas Exploramentes e Coidándote para Coidar.

Ademais, durante esta primeira reunión, púxose en valor a infraestrutura dispoñible, como rutas e parques biosaludables.

Pola súa banda, os profesionais sanitarios expuxeron as campañas e programas de seguimento que desenvolve actualmente o SERGAS.

O obxectivo común é difundir estas iniciativas para fomentar hábitos saudables entre a cidadanía.

A Comisión xa estableceu as súas primeiras liñas de acción, que inclúen un diagnóstico de necesidades por segmentos de poboación, involucrando a centros educativos e diferentes colectivos.

Entre as propostas concretas figura a incorporación dunha charla sobre postmenopausia e exercicio físico recomendado dentro do Ciclo Muller.