Internet revolucionou o xeito de consumir información. O xornalismo atópase nun dos momentos máis importantes da súa historia. Os lectores demandan cada vez máis unha información rápida, case inmediata pero ao mesmo tempo veraz e fiable. Este cambio de filosofía e tamén de formatos está a provocar unha reestruturación sen precedentes nos medios de comunicación tradicionais. A miúdo déixanse levar pola globalización, pero o xornalismo sempre existiu para estar ao servizo do cidadán, ao seu lado, e con esa vocación de proximidade nace PontevedraViva.
Queremos contarche o que pasa ao lado de casa, con rigor, con seriedade e, sobre todo, con profesionalidade. O lema do último Día Mundial da Liberdade de Prensa reivindicaba que "Sen xornalistas non hai xornalismo. Sen xornalismo non hai democracia". Dende PontevedraViva queremos defender a liberdade do oficio, o seu valor para a sociedade, pero non como unha afección ou unha paixón, que a é para os que pertencemos a este proxecto, senón como unha profesión. Porque o xornalismo necesita sobrevivir polo ben da sociedade. Dicía Francisco Umbral que "el periodismo mantiene a los ciudadanos avisados, a las putas advertidas y al gobierno inquieto". Ese servizo e esa liberdade é o que queremos transmitir. Por iso nace PontevedraViva.
Dende aquí dámosvos a benvida. Este xornal é voso, esperemos que por moitos anos. Para chegar a iso pedímosvos paciencia. Haberá erros, pero traballaremos duro para mellorar. Nese aspecto pedímosvos tamén colaboración. Este é un medio que pretende ser vivo, comunicativo pero, por riba de todo, participativo. Abrimos as canles necesarias para que vós, a esencia deste proxecto, poidades compartir as vosas opinións. Invitámosvos a que nos orientedes para conseguir que PontevedraViva sexa un medio de todos e para todos.