Nace o Comité de Sabias para loitar pola igualdade nos ámbitos científicos e tecnolóxicos

Pontevedra
17 de marzo 2021

Este mércores presentábase nunha sesión telemática o Comité de Sabias impulsado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO. Este grupo de expertas está integrado por 14 mulleres referentes de eidos do coñecemento relacionados coas chamadas STEM, que é o acrónimo que recolle as iniciais en inglés das materias Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas

Reunión telemática do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0
Reunión telemática do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 / Deputación de Pontevedra

Este mércores presentábase nunha sesión telemática o Comité de Sabias impulsado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO e que ten como obxectivo a loita por un futuro dixital en igualdade. Este grupo de expertas está integrado por 14 mulleres referentes de eidos do coñecemento relacionados coas chamadas STEM, que é o acrónimo que recolle as iniciais en inglés das materias Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.

No acto participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xa que o organismo provincial apoia coa Universidade de Vigo o desenvolvemento da Cátedra de Feminismos; o reitor da Universidade de Vigo, José Manuel Reigosa; a directora da Cátedra e da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez; e varias das integrantes do Comité.

O Comité de Sabias desenvolverá o seu traballo inspirándose na máxima da profesora Judith Waithman, experta en xénero e tecnoloxía, que afirma que "se as mulleres non queren acceder a estes espazos, hai que cambialos para que queiran ir". Esta frase deixa de responsabilizar ás mulleres da súa limitada visibilidade nos ámbitos científicos e tecnolóxicos para estender a asunción de responsabilidades ao conxunto da sociedade. Con esta premisa a Cátedra trazará "accións encamiñadas a lograr un futuro dixital en igualdade", como indica na súa declaración de intencións o Comité.

"As mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está construíndo. Temos que incorporarnos como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter deste xeito os nesgos de xénero na intelixencia artificial, na robótica, no big data, así como nas empresas emerxentes do eido tecnolóxico e científico", sinalaba Águeda Gómez.

O Comité de Sabias está formado por14 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial, os campos de actuación das integrantes do comité son moi diversos, incluíndo tamén a filósofas, matemáticas ou filólogas. Soledad Torres; Mari Lires; Coral del Río; Amparo Alonso; Encina Calvo; Ana Jesús López; Marta Macho; Dhaunae de Vir; Susana Martínez-Conde; Luz Castro Pena; Edita de Lorenzo; Mª José Malmierca; Ana Vila e Purificación Mayobre son os nomes das expertas que integran o Comité.Todas xuntas son unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, e suman experiencia e coñecemento para orientar a posta en marcha de accións que impulsen unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía.

A presidenta da Deputación apelou a loitar contra "o sesgo do sistema patriarcal nas TIC e na dixitalización", definiu ao Comité de Sabias como unha "rede de mulleres" que integra "voces incribles, que son unha grande referencia, que teñen unha mirada feminista e son imprescindibles". Carmela Silva fixo fincapé na necesidade de "chegar a outras administracións para que todo o que vaiamos poñendo enriba da mesa a través do Comité de Sabias se converta en accións e iniciativas reais, porque a política é o instrumento que temos para cambiar o mundo".

Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa agradeceu a contribución da Deputación na posta en marcha da Cátedra de Feminismos 4.0, e sinalou que o traballo "desta Cátedra vai marcar un antes e un despois na loita dentro da Universidade para o avance na igualdade, un dos temas prioritarios marcados polo noso Plan Estratéxico". Sobre o Comité de Sabias, o reitor destacou que "sairán cousas moi boas que van clarexar o camiño que temos que seguir cara a igualdade. Aínda queda moito por facer xa que, no mundo, a igualdade real non existe".