Na Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra desconfían da promesa de ampliar Montecelo

Pontevedra
27 de abril 2016

Os representantes dos traballadores dos centros sanitarios públicos de Pontevedra reclaman datos sobre o concerto que o SERGAS mantén co Hospital Domínguez e descoñecen cantos servizos vai pechar a xerencia durante este verán

Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Pontevedra
Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Pontevedra / Mónica Patxot
A Xunta de Persoal da Área sanitaria de Pontevedra desconfía da promesa de ampliación de Montecelo /

Piden transparencia e compromiso por parte da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e por parte da Consellería de Sanidade. Os representantes da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra sinalan que carecen de información sobre os proxectos que o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña ten previsto desenvolver e que presentará este venres nunha visita ao Concello.

Desta forma, a maioría de integrantes da Xunta de Persoal espera que o responsable de Sanidade anuncie a ampliación de Montecelo e abandone definitivamente o proxecto da creación dun novo hospital en Monte Carrasco, ao que vinculan con intereses privados e con grandes multinacionais sanitarias.

A Xunta de Persoal, de maneira unánime, quere que o proxecto sanitario que se desenvolva conte cun financiamento totalmente público. Pero afirman que teñen "medo" e desconfían das promesas que poida realizar o conselleiro neste período preelectoral. E entenden que a sanidade pontevedresa leva anos paralizada, sen investimentos en persoal ou en infraestruturas.

Por outra banda, os representantes dos traballadores, encabezados pola presidenta Carolina Iñarrae, reuníronse durante este mércores no Parlamento de Galicia para solicitar aos diversos grupos políticos, agás o PP, datos sobre o concerto que o SERGAS mantén co Grupo Quirón, actual propietario do Hospital Domínguez. Reclaman estes datos para comprobar se é necesaria ese investimento público nun centro privado. Sinalan que o xerente do Complexo Hospitalario, José Manuel González, non mantén reunións cos membros da Xunta de Persoal e, polo momento, descoñecen o número de servizos sanitarios e de camas que se pecharán durante este verán.

Os representantes sindicais denuncian unha contratación escasa. E poñen como exemplo a contratación dunha auxiliar de enfermería en Monte Porreiro dous días á semana para cubrir un posto que antes exercíase de luns a venres.

O día 2 de maio, os representantes de todos os sindicatos sanitarios manterán unha asemblea para decidir que actos de protesta inician se continúa esta falta de comunicación por parte da Consellería de Sanidade. Entenden que se verán obrigados a adoptar este tipo de medidas ante o silencio da xerencia para retomar acordos que están paralizados desde hai anos, como os relacionados coa carreira profesional ou a recuperación do complemento de nocturnidade  e de festividade para o persoal do PAC e para os funcionarios.

Arquivado en