Na procura de consenso coa oposición para aprobar a primeira modificación de crédito do orzamento

Pontevedra
10 de maio 2024

Raimundo González, concelleiro de Facenda, explicaba este venres que é unha modificación técnica con temas en que estean dacordo os tres grupos políticos da corporación. Utilizarán arredor dun 40% dos remanentes, alrededor de 9,5 millóns de euros, que irán destinados a proxectos de gastos "maduros"; a compromisos firmes que precisen financiación; e a acordos plenarios aprobados por unanimidade "evitando calquera vestixio de confrontación"

Raimundo González durante un pleno da corporación municipal de Pontevedra
Raimundo González durante un pleno da corporación municipal de Pontevedra / Mónica Patxot

Raimundo González, concelleiro de Facenda, anunciaba este venres que o goberno local prepara unha modificación de crédito, a primeira dos orzamentos municipais para este 2024. Unha modificación que "non é ao uso", segundo sinalaba o edil, que a cualificou como "técnica".

Indicou que se utilizarán tres criterios para destino do diñeiro desta modificación. Afirmaba que serán proxectos de gasto "maduros" ao tratarse de memorias de subvencións, sentenzas xudiciais ou obras acordadadas; compromisos firmes adquiridos que precisen financiamento; e acordos plenarios aprobados por unanimidade "evitando calquera vestixio de confrontación, que poida ser conflitivo con outra forza política".

O goberno local establecerá un calendario de reunións co Partido Popular e co PSOE, forzas coas que o edil recoñeceu que xa houbo contacto, para atender as súas achegas e chegar a consenso.

González explicou que o goberno local calcula que a modificación utilizaría o 40% dos 22 millóns de remanentes, o que supoñerá ao redor de nove millóns e medio de euros.

Avanzou que a intención é que se destine a obras de emerxencia e puxo como exemplo as reparacións do pavillón de Marcón, o arranxo dos tellados do edificio de Michelena do Concello ou da Casa da Luz; a gardería da Parda ou o Mercado. "Están a executarse e hai que dotalas", apuntaba. 

Tamén citou a sentenza do pago do Concello á Xunta en relación coas garderías do campus, Monte Porreiro e da Parda ou a dotación, con acordo plenario, dunha partida maior para outra anualidade de subvencións de clubs deportivos.  

En canto a obras concretas, enumeraba a renovación do pavimento da Rúa das Pereiras ou dotar economicamente areforma prevista en Rosalía de Castro, que sería o proxecto que precise máis investimento ao alcanzar os 2.230.000 euros, case o 25% da modificación.

Raimundo González espera que se alcancen acordos cos grupos da oposición: "ten que funcionar. Non vale con pedir cousas no pleno e despois non votar a modificación" e lembrou que o Partido Popular había realizado unha solicitude directa de negociación no último pleno. "Son cousas que ou non hai máis remedio ou estamos absolutamento dacordo", engadiu en referencia á postura dos tres grupos políticos en relación co contido desta modificación.

"Temos máis propostas que hai que falar cos grupos. Cremos que non van xerar discordia", insistiu o concelleiro facendo referencia a proxectos con fondos europeos sen concretalos.

Agarda acadar acordos "rápido", pero evitou prognosticar cando será presentada a modificación no pleno para o seu debate. Ademais, adiantou que o propio Raimundo González manterá as reunións cos representantes designados polo PP e polo PSOE sen que exista "escenificación" deses encontros.