Na loita contra a droga, "faise moito, pero hai que facer máis"

Pontevedra
08 de maio 2024

Abel Losada reuniuse este martes co presidente e o xerente da Fundación, Manuel Couceiro e Fernando Alonso, e estudou con eles un documento con 20 propostas concretas para mellorar a loita contra o tráfico de drogas

Manuel Couceiro, Abel Losada e Fernando Alonso
Manuel Couceiro, Abel Losada e Fernando Alonso / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Os responsables da Fundación Galega contra o Narcotráfico e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, coinciden en sinalar que na loita contra a droga "faise moito, pero hai que facer máis".  

Tanto Losada como os responsables da fundación destacaron que o traballo policial é só unha parte que debe ser complementada co traballo social para conseguir o rexeitamento do narcotraficante. 

Losada reuniuse este martes co presidente e o xerente da Fundación, Manuel Couceiro e Fernando Alonso e estudou con eles un documento con 20 propostas concretas para mellorar a loita contra o tráfico de drogas.

O subdelegado aplaudiu a realización deste documento, froito dun traballo multidisciplinar con especialistas no ámbito social, policial e xudicial, con propostas, fundamentalmente no ámbito lexislativo, para "apretar" no combate contra o narcotráfico. Recóllense accións relativas ás penas e o seu cumprimento, ás fianzas e aos embargos, entre outras cuestións.

Durante a reunión, os responsables da fundación trasladaron a Losada a súa felicitación polos últimos éxitos policiais nas operacións desenvolvidas pola Garda Civil, Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira, que concluíron cun importante número de detencións e o decomiso de grandes cantidades de droga, diñeiro, propiedades e tamén desarticularon a loxística para a fabricación de narcolanchas en distintos puntos da provincia.