"Ningunha preocupación", así reaccionou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ante a posibilidade de que a Oficina Antifraude da Unión Europea investigue á institución pontevedresa por irregularidades no uso de fondos comunitarios para o proxecto de turismo accesible 'Pousadas do Salnés'.
O comisario responsable de Loita Contra a Fraude, Algirdas Semeta, en resposta escrita a unha interpretación do eurodeputado de Aralar, Iñaki Irazabalbeitia, confirmou que están "a avaliar agora a información relativa ao asunto" antes de decidir "se se debe incoar o procedemento de investigación formal", explica Semeta.
Na súa interpretación, o eurodeputado Irazabalbeitia sostiña que as 'Pousadas do Salnés' son "un proxecto que favoreceu promotores e familiares do Partido Popular, o partido no Goberno da Xunta de Galicia, e que foi denunciado publicamente polo mal uso de fondos comunitarios".
O comisario responsable de Loita Contra a Fraude apelou á "confidencialidade do proceso de investigación" para evitar facer ningún outro comentario sobre este asunto.
Pola súa banda Louzán defendeu o traballo do persoal da Deputación encargado da captación de axudas europeas, "Non hai institución en Galicia que conseguiran en tan pouco marxe de tempo tal cantidade de fondos que xeneran emprego", sinalou.
E engadiu que "mentras uns procuran facer cousas, avanzar e crear emprego, outros intentan destruilo", en referencia ao eurodeputado de Aralar. "Uns fan cousas e outros están de perfil e non fan nada".