Na busca do balón perdido

Pontevedra
13 de decembro 2022

Ao longo da súa historia, decenas de balóns perdéronse alén dos muros do convento de Santa Clara. A apertura das súas portas permite aos propietarios destes obxectos, algúns eran nenos cando os perderon e agora son xa adultos, recuperar un deteriorado pero valioso pedazo de coiro

O alcalde Lores entrega a Nicolás Ferreira os dous balóns que perdeu no convento de Santa Clara
O alcalde Lores entrega a Nicolás Ferreira os dous balóns que perdeu no convento de Santa Clara

Como o convento, os balóns de Santa Clara tamén abandonaron a clausura. A contigua praza de Barcelos ou a propia rúa que bordea este sacro lugar, foi un dos espazos de xogo favoritos dos pontevedreses máis pequenos. É por iso que durante décadas decenas de balóns foron parar inevitablemente ao interior do convento.

Algúns afortunados puideron recuperalos, pero a gran maioría foron quedando esquecidos no interior do convento.

A compra de Santa Clara por parte do Concello tendeu unha pasarela cara a un lugar que, a pesar de estar no corazón do centro histórico pontevedrés, perviviu durante 750 anos coma un forte inexpugnable. A apertura de portas, abriu tamén a esperanza de moitos nenos, agora xa adultos, a recuperar eses pedazos de coiro desgastados polo paso do tempo que tan bonitos recordos agochan no seu interior.

"Un regaloumo a miña madriña e o outro o meu avó, que morreu hai un ano, e por iso téñolle moito agarimo". Dio Nicolás Ferreira Bayer, un mozo pontevedrés de 12 anos que viu como dous dos seus xoguetes favoritos perdíanse tras os muros dese templo prohibido hai máis de 4 anos. 

"Vin no momento para tentar recuperalo pero non me abriron. Volvín unhas semanas despois e tampouco", relata Ferreira os seus intentos antes de dalos por perdidos. Aínda que "algo de esperanza en recuperalos tiña". E ese día chegou cando se decatou de que o Concello compraba Santa Clara e clausúraa terminábase.

"Cando me decatei de que o Concello compraba o convento xa mandei un correo para tentar recuperalos", explica o mozo que aínda non sabe se conservar estas xoias sentimentais na seu cuarto ou volver gozar pateándoas.

Os de Nico non son os únicos balóns que esperan en Santa Clara reencontrarse cos seus propietarios. "Temos balóns de moitísimas épocas, hai máis de corenta ou cincuenta", detalla o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que esta tarde de martes devolveu o sorriso, e os seus dous esféricos, ao pequeno Nicolás. 

"Son unha das moitas sorpresas que nos está a dar o convento e recuperalos por parte das crianzas é unha escenificación da apertura de Santa Clara despois de 750 anos", explica o rexedor, animando a todos os pontevedreses que deron por perdidos os seus balóns para contactar co Concello para recuperalos. 

Recoñece Lores que aínda que o tema dos balóns levanta "moitísima curiosidade", no interior do convento "hai cousas máis interesantes que descubrimos cada día, Santa Clara é un museo en si mesmo", sostén o mandatario nacionalista.

E o interese polo futuro do museo non se limita só á cidadanía pontevedresa, as antigas moradoras do convento seguen moi atentas a todas as noticias que cada día saen destas paredes. "Encántalles saber que está a pasar co convento, se a xente quere entrar. Pídennos todos os recortes de prensa e están moi ilusionadas porque imos tratar con todo o agarimo este convento que forma parte da historia de Pontevedra", rematou o rexedor.