Na área arqueolóxica de Tourón medra a herba onde antes había toxos

Ponte Caldelas
18 de maio 2018

A limpeza que salvou dos incendios o mellor xacemento de petróglifos de Galicia repítese este ano e esténdese á eliminación das acacias

Limpeza da Área Arqueolóxica de Tourón
Limpeza da Área Arqueolóxica de Tourón /

A área arqueolóxica de Tourón cambiou moito o seu aspecto gracias aos investimentos que está a realizar o Concello de Ponte Caldelas. Despois da limpeza realizada en maio do ano pasado, cando se eliminou a toxeira duns 3 metros de altura que cubría a totalidade das 15 Hectáreas do xacemento, coa única excepción dos petróglifos, agora estase a realizar un labor de mantemento.

O mantemento continuo por parte do Concello de Ponte Caldelas, "poñendo fin a unha década de abandono", xa está a propiciar o crecemento da herba convertendo a antiga toxeira nun prado que invita ao paseo e á visita. Ao mesmo tempo, plantáronse pequenos carballos que están xa a crecer.

O goberno local destaca que a limpeza realizada o ano pasado foi "clave" para evitar a propagación do lume forestal do pasado mes de outubro. As lapas chegaron ás portas mesmas da área arqueolóxica, pero os petróglifos non sofreron dano algún "porque a súa contorna estaba limpa". Agora preténdese que esta situación se consolide.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona e destacou que "tras dúas limpezas en anos sucesivos a situación ten cambiado espectacularmente". O traballo require de maquinaria, pero tamén se realiza a man nun perímetro de seguridade ao redor dos petróglifos. Antes de comezar a traballar balízase o espazo para evitar accidentes.

Este ano, ademais, iníciase o labor de control e retirada de acacias na parte superior do parque, que constitúe a parte máis laboriosa do traballo emprendido polo Concello de Ponte Caldelas.

Andrés Díaz destacou que nos tres anos que van de mandato municipal repúxose o valado de madeira de peche da práctica totalidade do recinto, mellorouse a sinaléctica e acometeuse o grave problema do abandono da área arqueolóxica a causa da invasión dos toxos, todo elo acometido en solitario polo Concello, optando nalgunha destas actuacións a subvencións da Deputación Provincial.

O alcalde lamentou que a conservación dun espazo arqueolóxico único no mundo dependa unicamente do Concello de Ponte Caldelas. Os petróglifos son unha arte milenaria, declarada BIC, e que moitos colectivos, entre eles o propio Concello están reclamando que sexan declarados tamén patrimonio da humanidade pola UNESCO, "pero a Xunta, como é habitual, decidiu non colaborar".

Arquivado en