Música punk-rock e cervexa artesá, nun evento único "pensado e deseñado para Pontevedra"

Pontevedra
23 de abril 2024

Catro anos leva traballando no eido da cervexa artesá a Asociación de Cervexeiros Indepententes Galegos Artesáns (ACIGA), que agrupa a gran maioría de selos de cervexa artesá que hai en Galicia. Este colectivo escolleu Pontevedra para realizar o seu primeiro gran evento

Presentación do festival que ACIGA celebrará en Pontevedra
Presentación do festival que ACIGA celebrará en Pontevedra / Mónica Patxot

Catro anos leva traballando no eido da cervexa artesá a Asociación de Cervexeiros Indepententes Galegos Artesáns (ACIGA), que agrupa a gran maioría de selos de cervexa artesá que hai en Galicia. Este colectivo escolleu Pontevedra para realizar o seu primeiro gran evento.

Así, entre os días 30 de abril e 4 de maio, o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral acollerán as xornadas técnicas organizadas polo colectivo, os Premios ACIGA, unha feira de artesanía, vinilos e roupa de segunda man e o festival de punk-rock Troneira Fest. 

Anabel Gulías, responsable da área municipal de promoción económica, destacou que este é un evento "pensado e deseñado para esta cidade", e único nas súas características, polo que agradeceu que a asociación pensara en Pontevedra como sede.

"Está moi ben deseñado, moi ben pensado e é unha proposta ambiciosa e seria, que pretende poñer en valor un produto tan interesante como é a cervexa artesá, mais aínda nesta época de consumo masificado e comercial, competindo con grandes nomes da industria", engadiu.

O presidente da ACIGA, Alberte Fernández, explicou que o evento, que nace para dar visibilidade a este colectivo e o que defende, conta cunha programación "especial e ampla" na que se xuntarán produtores de cervexa artesá, provedores, axentes e público en xeral.

Comezará o 30 de abril cunha xornada técnica alimentaria, que incluirá trece ponencias de provedores do sector. A esta xornada seguirán a entrega dos Premios ACIGA (1 de maio) ou a feira de artesanía, vinilos e roupa de segunda man, que se celebrará entre os días 1 e 2 de maio.

O broche de ouro será, os días 3 e 4 de maio, a celebración do Troneira Fest, un festival de música punk-rock de bandas procedentes de distintos puntos do país e do Estado. 

Nel participarán bandas como La Inquisición, Crim, Tiro na Testa, os pontevedreses Thee Blind Crows, Inn Oppiah! e Paldür, Falperrys, Harry May ou Ghalos do Curral.

Todas as actividades incluídas na programación son de balde.

A maiores das actividades xa citadas, figuran outras paralelas como a degustación de produtos alimentarios de Galicia, catas, exposicións benéficas, xogos infantís ou monólogos.