Música e xogos infantís na estrea da "Praza do Hospital"

Pontevedra
31 de marzo 2016

Xa está inaugurada a bautizada como "Praza do Hospital". Foi nun acto aberto a todos os pontevedreses que se quixeron achegar, e no que os nenos tiveron un especial protagonismo cunha festa infantil a cargo de Rivel Animación, e unha actuación musical

Inauguración da "Praza do Hospital"
Inauguración da "Praza do Hospital" / Mónica Patxot

Xa está inaugurada a bautizada como "Praza do Hospital". Foi nun acto aberto a todos os pontevedreses que se quixeron achegar e no que os nenos tiveron un especial protagonismo cunha festa infantil a cargo de Rivel Animación e unha actuación musical.

Tamén houbo discurso a conta do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou que con este novo espazo os peóns conquistan unha zona moi urbanizada e con grande densidade de poboación, ademais de darlle unha entrada máis digna ao edificio do Hospital Provincial.

É coñecido o interese do Concello en ampliar esta praza cos espazos axardinados do Hospital Provincial para o que xa están en marcha as negociacións bilaterais entre o Concello e o Sergas e tamén o anuncio de ampliar a praza ata a rúa Antón Fraguas.

O novo espazo de encontro dos veciños do barrio ten 1.200 metros cadrados de plataforma única, na que se combinan o formigón de alta resistencia, o granito e as lousas de ton ocre, que son altamente ecolóxicas xa que a súa composición incorpora materiais procedentes da reciclaxe, especialmente de sectores da construción e industrial.

A praza complétase con mobiliario urbano e árbores para crear espazos de sombra.

O custe da obra foi de 335.000 euros.