Música e palabra para combater o silencio e o esquecemento

Pontevedra
13 de novembro 2020

Pontevedra volveu lembrar este xoves os dez pontevedreses que o 12 de novembro de 1936 foron asasinados na Caeira nun acto máis íntimo do habitual polas restricións derivadas da pandemia da covid-19 que puxo o foco na poboación exiliada a través das palabras de Begoña Caamaño, filla do médico Amancio Caamaño 

Homenaxe aos pontevedreses fusilados o 12N 2020
Homenaxe aos pontevedreses fusilados o 12N 2020 / Mónica Patxot

Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé, Luis Poza Pastrana, Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá, Benigno Rey Pavón, Ramiro Paz Carvajal, José Adrio Barreiro, Víctor Casas Rey e Juan Rico González. Dez nomes a recordar sempre e este xoves con máis razón. O 12 de novembro de 1936 foron asasinados na Caeira e, 84 anos despois de converterse en vítimas do franquismo, en tan triste aniversario volveron converterse en símbolo da loita pola recuperación da memoria histórica e colectiva de Pontevedra. 

Nun acto máis íntimo do habitual polas restricións derivadas da pandemia da covid-19, volveron recibir homenaxe ao pé do monolito da pasarela 12 de Novembro que os lembra a diario e, con música, flores e discursos reivindicativos, a súa loita volveu gañar actualidade. 

"Música e palabra para combater o silencio e o esquecemento", resumiu o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, que pediu "xustiza, verdade e reparación" para as vítimas do franquismo nun ano no que este xa tradicional acto de homenaxe puxo o foco na Pontevedra exiliada pola Guerra Civil e a Ditadura

A pontevedresa Cora Velasco puxo a banda sonora ao emotivo acto no que Begoña Caamaño, filla do médico Amancio Caamaño, tomou a palabra en nome das vítimas e defendeu que "recordar a los exiliados es de justicia", pois son persoas que, polas súas ideas, tiveron que deixar a súa terra e as súas familias atrás e vivir "situaciones durísimas". 

A todos eses "exiliados, humillados y vejados" adicoulle as súas palabras, nas que lembrou os paseos, as persecucións e todas as formas de represión que sufriron en Galicia naquela época da Guerra Civil e a Ditadura de Franco na que "el miedo se apodera de toda la sociedad" e, parafraseando a Celso Emilio Ferreiro, "Galicia entrou nunha longa noite de pedra". 

O acto contou coa presenza de concelleiros e cargos públicos do BNG e o PSOE e, como remate, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que esta homenaxe non é só un acto de lembranza do "asasinato infame" de dez pontevedreses por defender os valores da liberdade e da democracia, é a "declaración de principios" do goberno local "a prol do recoñecemento de todas as persoas que padeceron persecución e violencia durante a guerra e a ditadura".

Lores reiterou a súa intención de "manter sempre vivo o exemplo de dignidade e humanidade que nos legaron" e, na memoria de todos aqueles que sufriron "unha das consecuencias máis dramáticas daquela época de terror", o exilio, volveu reivindicar a "necesidade de reverter o esquecemento e a impunidade" dos crimes cometidos durante a ditadura franquista e o recoñecemento, xustiza e reparación para todas as vítimas e para as súas familias.

Unha homenaxe floral puxo fin ao acto, no que o goberno local quixo conmemorar este 12 de novembro para non esquecer, pero tamén para "seguir completando esa parte do relato que a historia oficial amordazou e deturpou" a través dos testemuños que, ano tras ano, se escoitan nesta homenaxe, que dan voz familias que padeceron en carne propia as consecuencias da represión, nesta ocasión na de Amancio Caamaño.