A viaxe cara o século XV comezou. Pontevedra está xa inmersa na celebración da súa vixésima Feira Franca.
Centos de persoas abarrotaron a Praza da Ferrería para asistir ao seu espectáculo inaugural, un preludio da gran festa que devolverá á cidade ao medievo dentro de apenas unhas horas.
Unha vez que os pregoeiros dacabalo anunciaron o comezo da Feira Franca polo centro histórico, percorrendo rúas e prazas de Pontevedra divulgando a boa noticia, a atención do público centrouse nas compañías Troula e Kull D' Sac, as encargadas dunha montaxe que non deixou indiferente a ninguén.
Foi un espectáculo no que os seus creadores quixeron facer un percorrido polas temáticas das anteriores edicións da Feira Franca, a partir de diferentes pezas audiovisuais que repasaron vinte anos de historias e lendas.
Tras un arranque cheo de danza e música tradicional con ritmos medievais, sobre o escenario da Ferrería non faltaron campesiños cos seus apeiros de labranza, piratas a bordo dun improvisado barco, músicos, bailarinas, acróbatas, trapecistas e malabaristas ou todo tipo de criaturas da noite como trasgos, meigas e bruxos cunha peculiar queimada.
O arranque da Feira Franca incluíu moita música, proxeccións, xogos de luces, lume e pirotecnia que, a modo de aperitivo, comezou a animar a pontevedreses e visitantes a gozar como se merece dunha das grandes festas do verán galego.