Un mural decora o Parque Azul de Cantodarea e o seu skatepark

Marín
11 de novembro 2024

O Concello de Marín encargou esta intervención artística a Reclamo Estudio para mellorar a estética e sinalización do parque e estender a arte urbana ata o skatepark

Javier Carrera (Cuco) e Maritza Berttolini traballando no mural
Javier Carrera (Cuco) e Maritza Berttolini traballando no mural / Concello de Marín

Javier Carrera (Cuco) e Maritza Berttolini, do estudo de arte e mediación cultural Reclamo Estudio, son os artífices dunha intervención artística nos accesos ao Parque Azul de Cantodarea.

O Concello de Marín encargou este mural para mellorar a estética e a integración do acceso a esta zona desde a Avenida de Ourense, así como a sinalización da mesma, posto que "moitas veces había quen nos dicía que nin sabía que atravesando ese túnel había todo isto", asegura a concelleira, Marián Sanmartín.

O mural, que xa mostra algúns dos paños de parede rematados, tamén tratará de homoxeneizar toda a imaxe común do espazo, englobando na ilustración o skatepark e o paso subterráneo, no que tamén se levarán a cabo melloras de cara a súa limpeza e salubridade.

Ademais, estase a ver unha solución para dúas das rampas do skatepark, co obxectivo de mellorar o entronque entre os módulos e o chan, colocando unhas pletinas. "Esperamos que nas próximas semanas poidan colocarse esas chapas, mellor feitas e adaptadas incluso das que xa había antes para deixar as rampas en perfecto estado para que todas as rapazas e rapaces que veñen aquí patinar poidan facelo en perfectas condicións".

En xeral, desde o Concello estase traballando por poñer en valor este espazo portuario, coa mellora do skatepark, esta intervención artística en marcha e a remodelación do parque infantil. Tamén se renovarán os vinilos do Espazo Emprendedor, estropeados polo paso do tempo.

Mural no parque azul de Cantodarea
Mural no parque azul de CantodareaConcello de Marín

"O Parque Azul ten todo para todos os públicos: zona de paseo, conexión co mar, un espazo de emprendemento no que aínda temos prazas libres, un local municipal para asociacións, un skaterpark, unhas canchas de baloncesto e un parque infantil. Cremos que é un lugar para seguir potenciando e mellorando e no que a arte urbana gráfica encaixa á perfección", asegurou Sanmartín.