Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social en Pontevedra, destacou que neste 2025 cúmprense dúas décadas do programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa externa para a comunidade xitana, unha iniciativa pioneira en Galicia que naceu para reducir o absentismo e mellorar o éxito académico do alumnado xitano.
Por estas "aulas de reforzo educativo" pasaron máis de 500 nenos e nenas desde a súa creación.
"Pontevedra é plural, integradora e pioneira na aposta polo desenvolvemento de políticas públicas a prol da equidade social", subliñou Gulías durante a presentación dos actos con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, na que estivo acompañada por Begoña Núñez, coordinadora da Fundación Secretariado Xitano (FSX), e a mediadora intercultural Rebeca Flórez.
PROGRAMA
O martes 8 de abril, ás 11:30 horas, realizarase un acto institucional na Casa da Luz, onde se despregará a bandeira xitana no balcón do edificio.
A bandeira, composta polas cores azul e verde (que representan o ceo e o campo) e cunha roda de carro vermella (símbolo da tradición itinerante do pobo romaní), ondeará na fachada durante toda a xornada.
Neste mesmo acto procederase á lectura do manifesto elaborado pola Fundación Secretariado Xitano, que será difundido en toda Galicia e no resto do Estado.
Pola tarde, o Centro de Educación Primaria Marcos da Portela, situado no barrio de Monte Porreiro, converterase no escenario principal da celebración.
Entre as 16:30 e as 18:00 horas, desenvolverase un acto lúdico-formativo no que o alumnado terá a oportunidade de profundar na historia e cultura xitana. Unha das características máis salientables desta actividade é que serán ex-alumnas de etnia xitana as encargadas de compartir a realidade e as tradicións da súa comunidade, servindo así de referentes positivos para os máis novos.
Como colofón a esta xornada, inaugurarase un mural creado polos escolares do centro educativo, unha obra artística que reflicte a diversidade cultural e pretende ser un símbolo permanente de convivencia e respecto mutuo.
O programa municipal de reforzo educativo vai máis alá das clases de apoio que se imparten no Centro Cultural de Monte Porreiro e na Casa Azul, onde actualmente se atende a medio cento de escolares.
Inclúe colaboración cos servizos sociais municipais para combater o absentismo, contacto periódico cos centros educativos, mediación familiar e información ás familias sobre o funcionamento do sistema educativo, os seus dereitos e obrigas.
Ademais, realízanse obradoiros de ocio interculturais con dinámicas e xogos que abordan contidos transversais como educación medioambiental, hábitos saudables e valores. Estas actividades compleméntanse con visitas culturais, festas e celebracións de datas sinaladas como o propio 8 de abril.
Desde 2014, o Concello de Pontevedra tamén colabora co Programa Promociona da FSX, que busca que cada vez máis mozas e mozos xitanos completen a Educación Secundaria Obrigatoria e continúen a súa formación, incrementando así as súas posibilidades de promoción social e acceso ao emprego.
Begoña Núñez, da FSX, destacou que este 8 de abril é unha "dobre celebración", pois cúmprense 600 anos da chegada dos xitanos á Península Ibérica. "Ningún neno ou nena debería ser discriminado por ser xitano", reivindicou, mentres que a mediadora Rebeca Flórez reclamou: "Coñéceme antes de xulgarme".
Ademais do programa educativo, en Pontevedra a FSX desenvolve outras liñas de traballo como o Programa de Emprego Acceder, o Programa de Inclusión Residencial, o Programa de Educación Dixital CODIGI-RED.ES e o Programa de Promoción da Saúde.
ACTOS EN VILAGARCÍA
En Vilagarcía de Arousa, o alcalde Alberto Varela amosouse "orgulloso do pobo xitano" durante a presentación das actividades, que se desenvolverán o 8 de abril na Praza de Galicia a partir das 17:30 horas. "Os vilagarciáns estamos moi orgullosos da súa cultura, respectámolos e apoiámolos", afirmou.
A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, explicou que o Concello vilagarciá traballa "todo o ano para visibilizar a cultura e o pobo xitano", lembrando que en 2019 puxeron en marcha un proxecto de inclusión social que traballa con trinta unidades familiares desta etnia.
Grazas a estas iniciativas, varios rapaces lograron rematar a ESO ou algún ciclo medio, indican desde o goberno local.
Os actos en Vilagarcía incluirán a lectura dun manifesto, un teatro inmersivo titulado 'Escoitamos pero non xulgamos', actuacións musicais e de baile, e rematarán cun pasarrúas ata o río do Con para realizar a tradicional 'Cerimonia do Río' con ofrenda floral.