Municipios de Mozambique, interesados no benestar da infancia en Pontevedra

Pontevedra
24 de setembro 2018

Pontevedra recibiu este luns unha visita chegada desde África. Elsa Dimande, técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, estivo na Boa Vila para coñecer polo miúdo distintos aspectos do modelo urbano que afectan de xeito directo aos nenos e nenas

Recepción no Concello a Elsa Dimande, técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique
Recepción no Concello a Elsa Dimande, técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique / Concello de Pontevedra

Pontevedra recibiu este luns unha visita chegada desde África. Elsa Dimande, técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, estivo na Boa Vila para coñecer polo miúdo distintos aspectos do modelo urbano que afectan de xeito directo aos nenos e nenas. 

Esta traballadora social está en Galicia da man do Fondo Galego de Cooperación. Foi recibida pola concelleira de Benestar Social e membro do equipo directivo do Fondo Galego, Anxos Riveiro coa que falou sobre a filosofía que hai detrás do cambio experimentado pola cidade.

De seguido, Elsa Dimande mantivo unha reunión técnica co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato na que a mozambicana amosou especial interese en cuestións como os camiños escolares, a posta en marcha de itinerarios peonís seguros ou a participación dos nenos e nenas no deseño urbano.

Ademais, a técnica tamén se reuniu coa concelleira de Cultura, Carme Fouces, coa que falou da próxima edición do Salón do Libro que está dedicada á literatura infantil e xuvenil da lusofonía. Neste eido concordaron na idoneidade da presenza de autores mozambicanos no salón.

O traballo social con nenas e nenos, o urbanismo para o benestar da infancia e o orzamento participativo nestas materias, así coma o asociacionismo feminista, son os principais temas de interese de Elsa Dimande, que busca coñecer experiencias de distintas administracións que podan inspirar actuacións en Maputo ou en outros lugares do seu país de orixe.

Elsa Dimande é a segunda representante africana interesada no modelo Pontevedra recibida no Concello. Meses atrás estivo aquí unha delegación de Angola.