Multitudinaria marcha dos afectados polas preferentes en Sanxenxo

Sanxenxo
10 de agosto 2013

Membros das plataformas de toda Galicia maniféstanse en Sanxenxo coa intención de "que esto siga candente y no muera". Os afectados esixen a reapertura da vía da arbitraxe e aseguran que seguirán pelexando "hasta recuperar todo nuestro dinero"

Membros das plataformas de afectados polas preferentes de toda Galicia protagonizaron este sábado unha gran manifestación en Sanxenxo coa intención de "que esto no muera y siga candente", segundo recoñece un dos voceiros do colectivo en Pontevedra e Marín, José Luis García.

Unha das súas principais reivindicacións pasa por que se volva abrir a vía da arbitraxe, na que segundo os afectados non se aceptaron máis de 20.000 solicitudes: "intentaremos que se reabran los arbitrajes, lo intentaremos con la presión porque está en sus manos volver a abrirlo".

As plataformas elixiron de novo Sanxenxo en busca de repercusión ao ser "una zona donde veranea mucho político".

José Luis García: "Muchas cosas que se han conseguido ha sido porque hemos estado en la calle, no nos hemos rendido"

José Luis García recordou ademais que a partir de setembro será a quenda de moitos dos xuízos dos afectados solicitando a Novagalicia a devolución das cantidades depositadas na entidade.

Por todos estes motivos os manifestantes expresaron a súa vontade de seguir pelexando polo seu diñeiro ata o final, porque como explica o portovoz de Marín e Pontevedra, "se trata de seguir presionando, muchas cosas que se han conseguido ha sido porque hemos estado en la calle, no nos hemos rendido".