Unha multitudinaria manifestación con persoas chegadas de todos os lugares de Galicia percorreu este domingo as rúas de Santiago para reclamar á Xunta a mellora dos servizos sanitarios da comunidade.
Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, organización convocante desta mobilización, leu o manifesto no que cualificou de "aberrante e inaceptable" a situación os servizos sanitarios algo que, segundo apuntou, "non é cousa do Goberno central, senón de dotar aos servizos dos orzamentos que realmente precisan", sinalou.
No manifesto denunciouse que "a nosa sanidade está en mans de especuladores" que a están sometendo a un proceso de "desmantelamento".
Segundo enumerou SOS Sanidade Pública en Galicia hai "centros de saúde e PACs inaccesibles; consultas telefónicas en lugar de presenciais; centros masificados, sen pediatras nin persoal suficiente, con esperas de semanas; servizos de urxencias hospitalarias colapsados; listas de agarda manipuladas que esconden máis da metade dos doentes; persoas maiores abandoadas nas residencias e na dependencia; e un persoal sanitario insuficiente que soporta unhas condicións laborais precarias e indignas".
Para facer fronte a este "momento crítico" SOS Sanidade Pública propuxo trece medidas "urxentes" entre as que se atopan o incremento do orzamento sanitario, especialmente da atención primaria; a apertura dos centros de saúde pechados; o aumento do persoal de medicina familar, pediatría e enfermería; a reintegración no sistema público dos servizos sanitarios; ou a eliminación da inestabilidade laboral, entre outras medidas.
Na manifestación participaron os candidatos á Presidencia da Xunta do BNG, Ana Ponton; do PsdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro; de Sumar Galicia, Marta Lois e de Podemos, Isabel Faraldo.