Máis de trescentas persoas concentráronse este mediodía en Cuntis en defensa dunha atención sanitaria digna no centro de saúde da vila.
A resposta cidadá foi importante, a pesar da hora da convocatoria -as 13.00 horas-, e participaron os portavoces de todos os grupos da corporación municipal e tamén o deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, Julio Torrado.
O alcalde, Manuel Campos, agradeceu a participación dos veciños nesta concentración e garantiu que a vila seguirá a defender ante Sanidade unha atención de calidade, a pesar de que ata o de agora teña feito "oídos xordos" a esta reivindicación.
A situación, engadiu o alcalde, é xa "insostible" e a atención sanitaria en Cuntis é "moi mala".
Os veciños advertiron que seguirán mobilizándose ata que se escoiten as súas demandas.