Mulleres de Moraña rompen estereotipos nunha mostra do Colectivo Feminista As Moiras

Umia
05 de marzo 2025

Este venres 7 de marzo inaugúrase no Multiúsos de Moraña a mostra 'Mulleres de Moraña: Traballo, Esforzo e Visibilidade', con imaxes realizadas por Yolanda Outeda do traballo que realizan veciñas do municipio

Imaxe da exposición de As Moiras
Imaxe da exposición de As Moiras / Colectivo Feminista As Moiras de Moraña

O Colectivo Feminista As Moiras organiza unha exposición fotográfica en homenaxe ás mulleres traballadoras de Moraña con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A inauguración terá lugar este venres, 7 de marzo, ás 20.00 horas no centro Multiúsos de Moraña, nun acto aberto ao público.

A mostra busca visibilizar as mulleres que desenvolven o seu labor en diversos sectores, destacando especialmente aqueles tradicionalmente masculinizados ou nos que o traballo feminino segue a ser invisibilizado.

Baixo o título 'Mulleres de Moraña: Traballo, Esforzo e Visibilidade', a exposición inclúe retratos e historias de mulleres cuxa presenza é testemuña de que non hai profesións vedadas para elas.

Entre as protagonistas atópanse catro mulleres taxistas, tres pioneiras no sector e unha aínda en activo; unha fontaneira, unha campaneira, unha traballadora da construción e unha condutora de autobús, todas elas rompendo estereotipos nos seus oficios.

As fotografías reflicten o traballo de mulleres cunha contribución social que adoita pasar desapercibida, como unha traballadora de axuda no fogar, unha animadora sociocultural, unha conserxe e unha operaria dunha fábrica.

Outras participantes son unha taberneira e actriz, unha óptica-audióloga, unha xornalista deportiva, unha carniceira e dúas empregadas dun pazo de eventos que realizan múltiples tarefas como organización, decoración e limpeza.

A exposición tamén presta atención á xeración máis nova coa historia dunha nena que soña con dedicarse á gandería.

As fotografías foron realizadas por Yolanda Outeda, fotógrafa local de Moraña, cun traballo que tamén recibe recoñecemento nesta mostra onde se amosa ese traballo oculto das mulleres no municipio.

Colectivo feminista As Moiras
Colectivo feminista As MoirasAs Moiras