"Mulleres que fan Poio", a homenaxe que o Concello de Poio realizou no 8 de marzo a cinco veciñas do municipio, chega aos colexios da man do colectivo Polo correo do Vento.
A través dun conto, no que amosan aos escolares as traxectorias vitais de Carmen Agís, Rosalía Lores, Alicia Martínez, Ángela Fernández e Peregrina Veiga, durante toda a semana amosaron ao alumnado dos colexios de Lourido, Isidora Riestra, Espedregada, Viñas e Chancelas as vivenzas, experiencias e loitas destas cinco veciñas que son orgullo e exemplo, mulleres inspiradoras que en época de dificultades sempre conseguiron saír adiante.
Precisamente, estes días o Concello de Poio despide con agarimo e tristeza a Ángela Fernández, que faleceu con 91 anos.
As xornadas nos colexios contaron coa asistencia das protagonistas, para que o alumnado tivese a oportunidade de interactuar e dialogar con elas.
Así, Carmen Agís, achegouse ata o colexio de Lourido; Peregrina Veiga estivo no Isidora Riestra; Rosalía Lores nos centros de Viñas e Espedregada e, por último, Alicia Martínez en Chancelas.
Desde a concellería de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, recorda que a educación é a base para avanzar cara unha igualdade real, "aí debe comezar todo", e por iso destacan que este tipo de actividades son importantes "para que as xeracións máis novas coñezan as historias de superación das súas veciñas, para que comproben todos os avances que conseguiron e tamén para facerlles reflexionar do que aínda queda por facer".