O Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra ofrecerá durante todo o mes de marzo, con motivo da conmemoración do 8M, a exposición titulada 'Mulleres en Loita'.
Trátase dunha mostra organizada polo Grupo de Acción de Amnistía Internacional Pontevedra en colaboración coa concellería de Igualdade, que dirixe a edil Yoya Blanco. A inauguración está prevista para o xoves 2 de marzo, ás 20.00 horas.
No acto inaugural participarán Margarita González, portavoz de Amnistía Internacional Galicia en cuestións de xénero; Pepa Vázquez, coordinadora do colectivo Boa Vida; e Seny Kébé, portavoz de Amnistía Internacional en temas de inmigración.
A mostra está formada por cinco tótems con seis paneis cada un e cen postais que se distribuirán entre o público. Nos paneis ofrécense elementos de análises sobre a situación actual da muller e o seu papel como garante dos Dereitos Humanos en distintos países do mundo, a través de actividades de acceso á educación, defensa dos pobos e culturas indíxenas ou a eliminación da violencia machista.
Segundo indica Yoya Blanco, hai mulleres que están a loitar polos nosos dereitos e que poñen as súas vidas en risco, sendo asasinadas, encadeadas, agredidas ou acusadas de malas nais, feminazis ou antipatriotas. A concelleira indica que esta exposición é unha forma de homenaxealas e dar a coñecer a súa loita.