'Mulleres en Acción. Violencia Zero' regresa en Marín cun berro contra a violencia machista

Marín
23 de xullo 2020

O programa provincial retomou a actividade este xoves en Marín cunha acción de danza urbana a cargo da compañía 'Elahood'

Acción do programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' na Alameda de Marín
Acción do programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' na Alameda de Marín / Deputación de Pontevedra

A danza urbana foi este xoves a acción cultural de reactivar tras o confinamento o programa da Deputación 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'.

A Alameda de Marín acolleu unha representación da compañía 'Elahood'. Nela as bailarinas Sabela Domínguez e Julia Laport protagonizaron a súa peza 'Protocolo', que a través da mestura de distintos elementos quere poñer o foco sobre moitos protocolos sociais que se impoñen ás mulleres e aos que deben adaptarse para ser aceptadas.

Todo un berro contra a violencia machista nun acto que contou coa participación da deputada provincial de Igualdade, María Vitoria Alonso, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo.

"Seguimos obrigadas a mostrar a nosa indignación e rexeitamento contra a violencia exercida contra as mulleres porque, lamentablemente, esta lacra  segue sen dar tregua. Pero nós non nos imos a cansar de berrar cada día e denunciar esta situación", sinalou a deputada.

A alcaldesa pola súa banda quixo reivindicar o importante papel desempeñado polos Centros de Información á Muller (CIM) durante o confinamento a pesar das limitacións.

Despois desta acción, nos meses de xullo e agosto desenvolveranse outras seis enmarcadas no 'Mulleres en acción. Violencia Zero'. A próxima será o día 29  de xullo no Concello de Gondomar, que acollerá a actuación de Zeltia coa peza 'Muller tribal' na praza de Paradela ás 12 horas.