A Policía Local de Pontevedra detivo na noite do xoves 10 a un home como presunto autor dunha agresión a súa ex parella no interior dun establecemento da cidade.
Os feitos aconteceron sobre as 23.00 horas, cando o individuo entrou no local e, tras localizar á muller, iniciou unha discusión que rematou nunha agresión física con ameazas de morte.
Segundo relataron as testemuñas presentes no establecemento, o home achegouse directamente á vítima e, tras unha breve discusión, agarrouna violentamente polo pescozo mentres lle berraba que ese ía ser o seu último día de vida.
A situación foi tan grave que varios clientes do local tiveron que intervir para separalos e conseguiron expulsar ao agresor do establecemento.
Tras recibir a alerta, os axentes da Policía Local desprazáronse inmediatamente ao lugar dos feitos, onde atoparon á vítima cunha serie de lesións visibles.
Os policías puideron constatar que a muller presentaba varias rabuñadas á altura do nó da gorxa e unha notable inflamación na zona do pescozo, polo que foi necesario o seu traslado a un centro sanitario para recibir atención médica.
O presunto agresor, que abandonara o local tras ser expulsado polos presentes, foi posteriormente localizado e detido polos axentes.
No momento da detención, foi informado tanto do motivo da mesma como dos dereitos que lle asisten segundo a lexislación vixente.
Os feitos están sendo investigados como un presunto delito de violencia de xénero.