Unha muller falecida e cinco feridos por inhalación de fume nun incendio no Grove

O Salnés
13 de novembro 2024
Actualizado: 14:27

O incendio producíase nunha vivenda situada na rúa Viña de Millán. Un home foi rescatado coa utilización dunha escada a través do balcón.

Vivinda onde se producía o incendio no Grove
Vivinda onde se producía o incendio no Grove / PontevedraViva

Un incendio nunha vivenda situada na rúa Viña de Millán, no Concello do Grove, provocou a morte dunha muller e deixou cinco persoas feridas por inhalación de fume.

O suceso ocorreu na noite do martes a este mércores 13, cando dúas persoas se atopaban no interior da vivenda.

Un home, que se atopaba no piso superior, foi quen contactou co 112 Galicia arredor das 23:20 horas, informando de que lograra saír ao balcón.

A muller falecida atopábase na planta baixa, onde se iniciou o lume nun sofá, queimando por completo o salón.

Durante os momentos posteriores á chamada inicial, un familiar tamén alertou ao 112 Galicia, confirmando a presenza da muller no baixo da vivenda.

Ao redor da medianoite, o lume foi extinguido e confirmouse o falecemento da muller na estancia afectada.

O home foi rescatado mediante unha escada a través do balcón.

Ademais, catro persoas que tentaron entrar na vivenda para axudar resultaron feridas por inhalación de fume; unha delas foi evacuada ao centro hospitalario de referencia, mentres que as outras catro desprazáronse a un Punto de Atención Continuada polos seus propios medios.

Segundo informou a área Sanitaria, o paciente de 73 anos, permanece grave na UCI de Montecelo.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizaron de inmediato a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Salnés, o GES e Protección Civil do Grove, o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo e a Garda Civil.

Tamén se informou aos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) por se resultara necesaria a súa intervención.