Unha muller de 89 anos faleceu este domingo en Ribadumia tras rexistrarse un accidente de tráfico no que se viron implicados un autobús e dous turismos.
O accidente produciuse sobre as tres e media da tarde no quilómetro 2 da VG-4.2, segundo informou o 112 Galicia.
A vítima, que viaxaba como copiloto nun dos coches sinistrados, tivo que ser excarcerada do interior do vehículo, debido á violencia do impacto.
Tamén tivo que ser rescatado o condutor do turismo, que foi trasladado ao hospital, en estado grave, por un helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias de Galicia 061.
O 112 Galicia afirma que non hai feridos entre os pasaxeiros do autocar, preto de medio centenar de excursionistas, aínda que varias persoas, que foron atendidas no lugar, acabaron sendo derivados a centros sanitarios tras sufrir ataques de ansiedade.
Os tres ocupantes do segundo coche implicado, pola súa banda, sufriron feridas leves e tamén foron trasladados ao hospital.
Até o lugar, para intervir no accidente, acudiron efectivos do parque comarcal de bombeiros de Ribadumia e axentes da Garda Civil de Tráfico.
As autoridades investigan agora este accidente que, segundo as primeiras hipóteses, produciuse despois de que o coche no que viaxaba a falecida invadise o carril contrario de circulación.
O condutor do autobús, a pesar de manobrar para tratar de evitar o impacto, non puido impedir o choque contra o turismo.