A muller atacada polo seu fillo en Santa María de Sacos, moi grave, e o sospeitoso, en Psiquiatría

Cerdedo-Cotobade
03 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:57

No ataque, non utilizou ningunha arma, senón que lle deu unha malleira. Unha veciña alertou do sucedido ao atopar a vítima tirada no chan. Agora está "en estado crítico", segundo Abel Losada

Patrulla da Garda Civil nun monte de Cerdedo-Cotobade
Patrulla da Garda Civil nun monte de Cerdedo-Cotobade / Mónica Patxot

O home de 46 anos detido na tarde do xoves tras o intento de asasinato da súa nai, de 79, en Cerdedo-Cotobade permanece ingresado na área de Psiquiatría do complexo hospitalario de Pontevedra.

A pesar de que inicialmente se dubidou que o home atacase a súa nai cun coitelo, pola gravidade das feridas que presenta a muller, finalmente, confirmouse que non utilizou ningunha arma, senón que lle deu unha malleira.

Como consecuencia da brutal agresión, a muller continúa ingresada moi grave na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Presenta múltiples fracturas en distintas partes do corpo, como o cranio ou a zona costal. 

Tras ser atendida na vivenda, o equipo médico decidiu o seu traslado en helicóptero a Vigo e á primeira hora deste venres segue ingresada. Segundo confirma o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, está "en estado crítico".

En canto ao home, foi trasladado nun primeiro momento á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, aínda que logo recibiu atención médica. Fontes oficiais da Garda Civil confirman que durante a noite, foi derivado ao hospital.

Tal e como adiantou PontevedraViva, os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas do xoves na vivenda familiar do lugar de Vila de Abaixo, na parroquia de Santa María de Sacos. Tras o ataque, o home abandonou a casa.

Tras percorrer Santa María de Sacos e parar en distintos puntos, regresou á vivenda, onde xa estaban os servizos médicos, axentes da Garda Civil e un grupo de veciños.

Segundo relatan fontes veciñais, falou con eles finxindo non saber nada e preguntoulles que ocorrera, aínda que sospeitaban del, alertaron á Garda Civil.

Foi detido unha hora despois da malleira, sobre as 15.00 horas, como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa por agredir a golpes a súa proxenitora.

A vítima reside en Santa María de Sacos mentres que o suposto agresor vive habitualmente en Barro. A muller ten máis fillos.

Segundo a información facilitada por Abel Losada, unha veciña da vítima deu a voz de alarma a través do 112 tras atopar a muller tirada no chan

O caso está agora en mans de o Xulgado de instrución número 2 de Pontevedra, que xa recibiu o atestado da Garda Civil sobre a investigación.