Un muíño, un observatorio e un cemiterio, os novos escenarios para Noites Abertas

Pontevedra
27 de xaneiro 2025

Entre este venres 31 de xaneiro e o 29 de marzo, o Concello de Pontevedra ofertará 107 actividades de lecer nocturno para a mocidade da cidade que teñan entre 12 e 30 anos

O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, no centro, co equipo de traballo de Noites Abertas
O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, no centro, co equipo de traballo de Noites Abertas / Concello de Pontevedra

O programa municipal Noites Abertas regresa a Pontevedra cunha completa oferta de 107 actividades diferentes que se desenvolverán en 183 sesións entre o 31 de xaneiro e o 29 de marzo.

Esta iniciativa, dirixida exclusivamente á mocidade de entre 12 e 30 anos, inclúe propostas variadas que abarcan desde cociña e deportes ata obradoiros creativos, escape rooms, danza ou astronomía, entre outras.

A programación completa xa está dispoñible na web noitesabertas.gal. Ademais, durante os próximos días realizaranse accións promocionais en institutos, campus e lugares públicos de Pontevedra.

Entre os novos espazos que acollerán as actividades destacan o Muíño da Cancela, o Observatorio de Cotobade e o Cemiterio de San Amaro, xunto aos tradicionais que xa forman parte deste exitoso programa, como o colexio Froebel, a Casa Azul ou o Local de Música.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, presentaba este luns a 26ª edición de Noites Abertas, un programa que, lembraba, destaca por ser a máis antiga proposta do Estado en lecer nocturno para a mocidade, cunha rica historia de colaboración entre entidades e asociacións locais.

"Este programa é un reflexo do bo ambiente que queremos fomentar na noite pontevedresa. Durante a pasada edición, case 2.600 mozos e mozas desfrutaron das actividades, que contaron coa participación de 54 entidades, entre asociacións, autónomos e empresas", subliñou Gómez.

As actividades comezarán este venres 31 de xaneiro cunha variedade de propostas que inclúen deportes, cociña vexetariana, danzas urbanas e actividades artísticas.

A organización recorda que non será necesario agardar longas ringleiras, xa que con chegar uns minutos antes será suficiente para participar, e en caso de que as prazas estean completas, realizarase un sorteo.