Os Mozos de Arousa conducirán as badaladas de fin de ano en Vilagarcía

O Salnés
26 de novembro 2024
Actualizado: 19:53

Os tres coñecidos concursantes televisivos aceptaron a proposta do Concello de presentar a toma das uvas ao mediodía. Durante anos xa colaboraron con esta festa repartindo as uvas, cava e lambetadas entre o público

Os Mozos de Arousa
Os Mozos de Arousa / 'Reacción en cadena'

Raúl, Borjamina e Bruno, os coñecidos Mozos de Arousa, serán protagonistas principais do acto que se desenvolverá ao mediodía do 31 de decembro en Vilagarcía de Arousa na celebración da chegada do ano novo.

Alberto Varela, alcalde do municipio, ofreceu a opción aos tres coñecidos concursantes que finalizaban este luns 25 o seu paso por 'Reacción en cadena' onde participaron en máis de 400 programas obtendo unha contía económica de máis de 2,6 millóns de euros. 

Os Mozos de Arousa aceptaron inmediatamente a proposta municipal para realizar a conta atrás coa intención de dar a benvida ao ano 2025. 

Telecinco inicialmente tiña previsto que os tres concursantes fosen os encargados de presentar as badaladas de fin de ano na cadea televisiva, pero finalmente Mediaset daba marcha atrás nesta decisión acordada verbalmente cos galegos.

Este cambio de postura provocou o malestar entre os tres mozos, que así o expresaron en redes sociais indicando que se sentiran "enganados" pola canle televisiva.

A Toma das Uvas en Vilagarcía será ás 12.00 do mediodía nun acto ao que están familiarizados porque teñen participado durante varios anos na organización do evento na repartición de uvas, cava e lambetadas entre o público participante, ademais de preparar centos de bolsiñas de papel coas doce uvas da celebración tradicional e o traslado de vasos, botellas e outros elementos para a festa.

A Toma das Uvas de Vilagarcía que se festexa anticipadamente desde 1998 contará, segundo o goberno local, con outras novidades este ano, tanto nos actos previos ás badaladas como a continuación.

O programa será presentado en vindeiras datas polo goberno local pero, nesta edición, o protagonismo central desde o escenario da praza de Ravella para os Mozos de Arousa.