Un mozo de 15 anos perde a vida en Cambados tras sufrir unha caída coa súa moto

O Salnés
26 de marzo 2025
Actualizado: 23:55

Por causas que se investigan, sufriu unha saída de vía cando circulaba nun tramo recto impactando contra un poste do tendido telefónico

Accidente mortal en Cambados
Accidente mortal en Cambados / Emerxencias Cambados

Un mozo de 15 anos faleceu este mércores nun accidente de moto en Cambados.

Segundo informou o 112, o suceso ocorreu pasadas o oito da tarde deste mércores na EP-9506, ao paso pola Laxe, na parroquia de Vilariño.

Unha persoa particular alertou a través da súa chamada ao 112 Galicia e indicou que un motorista caera na estrada e estaba moi grave.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que mobilizaron unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo sanitario con persoal da PAC de Cambados.

Con todo, nada puido facerse por salvarlle a vida.

Coa chegada dos equipos de emerxencias, a situación era xa irreversible, segundo indicaron os efectivos do servizo local de Protección Civil. Esta información foi confirmada, pouco despois, por Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Até o lugar tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambados.

O mozo era veciño de Barrantes, no concello de Ribadumia. Por causas que se investigan, sufriu unha saída de vía cando circulaba nun tramo recto impactando contra un poste do tendido telefónico.

Os alcaldes de Ribadumia e de Cambados, David Castro e Samuel Lago, acudiron ao lugar minutos despois de ter noticia do suceso.