Movistar di a un cliente cunha avaría telefónica: "se funciona internet, o número de teléfono tampouco é tan importante"

O Salnés
14 de abril 2023

Desde o 27 de marzo, varios veciños de A Illa de Arousa teñen as liñas de teléfono cruzadas e a compañía telefónica responsable, Movistar, non solventa o problema    

Mensaxe na televisión ao querer acceder ás canles de pago
Mensaxe na televisión ao querer acceder ás canles de pago / PontevedraViva

Manuel, veciño da Illa de Arousa, estrañouse cando 27 de marzo detectou que perdera o acceso ás canles de pago no seu televisor. Tras varios intentos, despois de media hora, volveron funcionar.

Pero co paso das horas, volveu fallar o servizo e procedeu a contactar con Movistar, a súa compañía telefónica. Ao día seguinte, chegou o técnico á súa casa e revisou as caixas da fibra da rúa e o técnico sentenciou: "tes unha liña que non é túa"

O profesional da compañía foi á central e, unha hora máis tarde, o veciño da Illa de Arousa recibe unha chamada dicindo que xa estaba solucionada a incidencia. Pero, acto seguido, o residente comproba que segue sufrindo a avaría. 

Ante o problema, Manuel durante varios días estivo a trasladar a incidencia a través da aplicación de Movistar, ademais de chamar ao 1002, pero ningún técnico volveu á súa casa. Nas chamadas realizadas ao número de Atención de Avarías e Soporte Técnico, quitáronlle importancia ao problema e mesmo chegaron a dicirlle: "se che funciona internet, o número de teléfono tampouco é tan importante", denuncia o veciño. 

Durante a Semana Santa, o residente, socio da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), comunicoulle a súa situación a esta entidade. Dixéronlle que se poñerían en contacto coa compañía telefónica para tratar de resolver a incidencia. 

Este xoves, 13 de abril, Manuel preocupado ante a falta de noticias, decidiu contarlle o seu problema a unha persoa que traballa nunha compañía móbil. Aconselloulle que chamase desde o seu móbil ao seu propio número de teléfono fixo, ao que están asociados os servizos de pago do televisor, para comprobar que sucedía. A súa sorpresa foi enorme porque cando chamou respondeulle unha residente da rúa Charco, situada preto da vivenda de Manuel na Illa de Arousa. 

O veciño deuse conta de que tiñan as liñas de teléfono cruzadas, polo que non pode ter acceso aos seus servizos e teme que lle facturen o consumo que faga outra persoa. Manuel afirma que está desesperado e demanda que alguén lle resolva esta desastre de liñas de forma inmediata.