A Consellería do Medio Rural vén de declarar o núcleo de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade, como nova aldea modelo de Galicia. No marco da Lei de Recuperación da Terra Agraria, beneficiaranse deste nomeamento 19,6 hectáreas nas que figuran unhas 427 parcelas duns 109 titulares catastrais
A partir de agora, realizaranse traballos de limpeza e recuperación en todas as parcelas incluídas nesta aldea para poñelas a producir mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados no seu aproveitamento.
Deste xeito, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán ademais como barreira natural fronte ao lume, xa que serán os cultivos os que actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.
Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, estas aldeas modelo suporán a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.
Promovidas pola Xunta e polos respectivos consistorios, as aldeas modelo teñen como obxectivo recuperar as terras en estado de abandono ou infrautilización na contorna dos núcleos poboacionais, para así contribuír á súa posta en valor fixando poboación e mellorando a calidade de vida nesas zonas, ao tempo que se reforza a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.
A maiores da de Cerdedo-Cotobade, están declaradas tamén como aldeas modelo as do Seixo (A Gudiña), Francos de Proendos (Sober), Covelo (Taboadela), Carzoá (Cualedro), Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel), Bustelo de Fisteus (Quiroga), Osmo (Cenlle), Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Reboredo (O Pereiro de Aguiar), Xacebáns (Quintela de Leirado), Meixide (A Veiga), Trelle (Toén), Trabazón (O Irixo) e Pedrosa (Riós).