A comunidade de montes de Mourente presentou un escrito ao Concello de Pontevedra no que se ofrece a colaborar con el para a realización das obras de abastecemento de auga para os fogares da zona rural que non contan con subministro propio ou dalgunha traída veciñal.
O depósito que abastecerá de auga a varios concellos da ría de Pontevedra foi construído no Monte do Castro en terreos cedidos pola comunidade de montes a Acuaes en terreos de protección arqueolóxica por estar preto dos restos dun castro prehistórico e á beira dunha mámoa sen escavar.
A escaseza de auga pola gran seca que estamos a sufrir levou a varios veciños e usufrutuarios de traídas veciñais a reclamar do Concello a axilización das obras de subministro ás parroquias, unha vez que Acuaes xa entregou aos concellos correspondentes as obras rematadas.
A comunidade de montes de Mourente ofrécese a negociar unha cesión dos terreos necesarios ao Concello de Pontevedra para evitar o proceso de expropiación e axilizar a realización das obras. Os comuneiros pretenden tamén deste xeito poder negociar a redución do impacto na paisaxe e preservar os restos arqueolóxicos da zona, deteriorados en parte polas obras de construción do gran depósito e das canalizacións que o abastecerán de auga.
O maior interese da comunidade de montes radica en que as obras a realizar para o abastecemento de auga ás parroquias do rural non afecten aos restos castrexos e especialmente a unha mámoa situada a escasos metros do depósito construído.
Tamén reclama que as canalizacións necesarias polo monte veciñal se instalen polas pistas forestais para preservar a paisaxe e evitar a invasión de masas boscosas.