Motoristas, breakdancers e músicos... con algunha discapacidade

Pontevedra
04 de decembro 2013

O Teatro Principal acolle a clausura do programa Hefesto, unha intervención innovadora que vincula a cultura urbana e a discapacidade. 60 participantes venceron barreiras este outono e convertéronse en motoristas, bailarins de breakdance ou cantantes e compositores musicais, papeis nos que nunca pensaron encontrarse e cos que romperon tópicos

Acto de clausura do programa Hefesto con motivo do Día da Discapacidade
Acto de clausura do programa Hefesto con motivo do Día da Discapacidade / Mónica Patxot

Hefesto era un Deus do Olimpo cunha discapacidade motora que, malia os obstáculos que se encontrou no camiño, se converteu no forxador de armaduras dos deuses e é recordado entre os seres do mitoloxía grega como aquel que deu a Aquiles as armas que lle permitiron vencer a Héctor. Como Hefesto, 60 persoas con algunha discapacidade de Pontevedra venceron barreiras este outono e convertéronse en motoristas, bailarins de breakdance ou cantantes e compositores musicais, papeis nos que nunca pensaron encontrarse e cos que romperon tópicos.

O logro foi posible a través do programa Hefesto, que este martes 3 de decembro se clausurou no Teatro Principal con motivo do Día Mundial da Discapacidade despois de dous meses nos que vinculou persoas con discapacidade coa conmunmente coñecida como cultura urbana.

O acto de clausura contou coa presenza dos participantes no programa e de representantes das entidades que se implicaron no mesmo Amizade, Xuntos-Down Pontevedra, Xoán XXIII, Virgen de la O, Alba e Amencer-Aspace e tivo como eixe a proxección dun video que resume Hefesto e todas as experiencias e sensacións que xerou nas cales se implicaron nel.

O programa converteuse nun espazo inclusivo e aberto a novas experiencias onde se mesturaron o mundo máis urbano e a discapacidade ou, máis concretamente, discapacidade e cultura bboying, discapacidade e colectivo de moteiros e discapacidade e o mundo do son. As actividades desenvolvidas para facelo posible son as que se visionan na montaxe audiovisual e van dende gravacións musicais nun estudo de gravación a un paseo en moto ou clases de breakdance.

Pasou a ser un acto cargado de emotividade no que Gonzalo, o profesor de música que dende outubro traballou cos participantes, explicou que o video resultante do programa é "unha explosión de expresión vocal, musical e corporal" e que a experiencia resultou para el e para todos os que a desenvolveron "rebeladora". Os integrantes da asociación cultural 'Black Box Project' recoñeceron que o resultado do traballo realizado superou todas as súas expectativas, pois "esperabamos unhas dificultades no traballo que estaban máis na nosa mente que neles" (nos participantes).

Hefesto foi unha intervención innovadora no terreo da discapacidade da que a edil de Benestar Social, Carmen Fouces, explicou na súa clausura que responde á filosofía que se segue dende a súa concellaría de facer "unha intervención total de toda a cidadanía a todos os niveis", unha "integración social real". E tras visionar o video final do programa o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confesouse "impresionado", anunciou que se trata dunha iniciativa que "espero que teña continuidade no futuro" e entregou unha copia do video da experiencia aos representantes das entidades participantes.