Mosquera "tranquiliza" ao PP asegurando "non lle van quedar as mans atadas de nada" na Deputación

Pontevedra
02 de xuño 2023

Nunha comparecencia ante os medios para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada este venres, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra reaccionou á petición do PP instando o bipartito a paralizar calquera decisión que comprometese ao próximo goberno provincial

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera trasladou unha mensaxe para o próximo goberno provincial que liderará o Partido Popular para que estean "tranquilos" porque "non lle van quedar as mans atadas de nada" xa que no actual goberno do Partido Socialista e do BNG "non lle deixamos nada comprometido".

Nunha comparecencia ante os medios para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada este venres, César Mosquera reaccionou á petición do PP instando o bipartito a paralizar calquera decisión na Deputación de Pontevedra que comprometese ao próximo goberno provincial.

"Eu recomendarialles que se tranquilizaran e pensaran seriamente", respondeu o vicepresidente provincial en funcións xa que "a época xusto despois das eleccións é unha época perigosísima para abrir a boca, perigosísima, porque non hai nada decidido, non hai nada sustancial". En todo caso entende que "son maiorciños e xa saben o que teñen que facer, aínda que ás veces non o pareza".

O Partido Popular esixía a paralización da reunión do xurado que debe elixir o anteproxecto para rehabilitar o convento de Santa Clara para a súa incorporación ao Museo de Pontevedra, unha petición que Mosquera interpreta como "pura inmadurez ou é de moi mala uva". "Que pensen ben o que van facer e non se preocupen por iso", apuntou o vicepresidente.

César Mosquera lembrou que os deputados populares votaron no Pleno a favor da rehabilitación do antigo convento das clarisas e que o concurso xa está convocado e en marcha polo que esta petición "non ten pes nen cabeza", equiparando a reunión do xurado a unha oposición co tribunal e os aspirantes xa convocados. 

"O de Santa Clara sería inaudito despois de que o presidente da Xunta dixese que a Xunta non se quere quedar fora de Santa Clara", apostilou.

O vicepresidente tamén apuntou que "pode ser aquelo de que pensa o ladrón que todos son da súa condición porque no último mandato de Louzán nesta época fixeron as que non hai", en referencia ás numerosas adxudicacións e compromisos de investimento feitas polo anterior presidente do PP nos seus últimos días na Deputación de Pontevedra.

En canto ao proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra, Mosquera indicou que está entre as competencias do novo goberno provincial a posibilidade de paralizar esta actuación, para a que xa hai concedida unha subvención de tres millóns de euros do Pirep, "pero que o expliquen" xa que o proxecto aprobado é "o que dixo Patrimonio. E creo que Patrimonio é da Xunta".