"Vou repetir como deputado", anunciou este mércores o nacionalista César Mosquera, vicepresidente en funcións da Deputación de Pontevedra.
Nun almorzo informativo Mosquera explicou que na decisión da súa continuidade "tivo moito peso a opinión do alcalde de Pontevedra" pois Miguel Anxo Fernández Lores entendeu que era "importante" a súa presenza na administración provincial e así o acordaron tamén no Bloque Nacionalista Galego.
Xunto a el conformarán o grupo provincial do BNG, María Ortega (Moaña), Manuela Rodríguez Pumar (Gondomar) e Beatriz Lomba (A Guarda).
Mosquera leva 32 anos no Concello de Pontevedra e outros tantos na Deputación. Curiosamente, pasou o mesmo número de anos no goberno que formando parte da oposición, é dicir, estivo 24 anos no goberno local da Boa Vila e 8 anos na oposición municipal e 8 anos no executivo provincial e 24 na oposición na Deputación.
Por iso quixo resaltar que "para min a oposición é tan importante como o goberno" e que desde esta responsabilidade tamén se poden achegar avances positivos.
En canto ao futuro goberno da Deputación "que ninguén espere de nós que lle poñamos deberes ou estar xa pensando que maldades van facer ou nalgunha marcaxe", apuntou César Mosquera "eu espero que o fagan moi ben e, se pode ser, mellor do que o fixemos nós".
César Mosquera aínda non tivo a oportunidade de falar co futuro presidente provincial, Luís López, pero desde o grupo do BNG trasládalle a mensaxe de que "ten á súa total disposición toda a nosa colaboración para o mellor funcionamento da Deputación" e precisa que non quere que esta man tendida se entenda como que os nacionalistas "estamos a pedir ou esixindo que conte coa nosa experiencia ou cos nosos programas. Para nada" aclarou fronte a calquera interpretación desta "oferta" como un intento de "gobernar desde a oposición ou ter un espírito de revancha".
Durante a súa longa traxectoria política na administración provincial, Mosquera sempre dixo e hoxe volveu a reiterar que "as deputacións necesitan ou ben desaparecer ou ben cambiar radicalmente o seu formato e a súa maneira de funcionar" xa que segue sostendo que "son uns artefactos institucionais absolutamente anacrónicos e mal imbricados co resto".
Por último, o vicepresidente en funcións da Deputación de Pontevedra lamentou as críticas do actual portavoz do PP Jorge Cubela que reclamou que o bipartito do PSOE e o BNG no goberno da Deputación suspenda a toma de decisións na entidade provincial. Cubela asegurou que "se está acelerando a resolución de convenios con concellos afíns para deixar coas mans atadas ao futuro goberno".
"Non hai nada diso" replicou Mosquera. Segundo explicou, os únicos convenios que se están aprobando son aqueles que "foron na modificación de crédito que eles votaron a favor" polo que "non creo que teña ningún sentido paralo todo". "Paréceme unha actitude de mal gañador", concluíu.