O deputado nacionalista, César Mosquera, indicou que Vigo non poderá recibir máis investimentos económicos por parte da Deputación provincial, como indicou o voceiro socialista, Santos Héctor, alegando a discriminación de Vigo dende a institución provincial. Mosquera engadiu que, neste sentido, o representante do PSOE "amosa un descoñecemento do que son as deputacións e de como funcionan. Iso cúrase facilmente. As deputacións son un tanto complexas e igual leva tempo aprender como funcionan" .
O tamén concelleiro pontevedrés indicou que o goberno deVigo non quixera asinar un convenio para ser compensado por non entrar nos plans xerais para outros concellos. "Non hai posibilidades de que Vigo poida contar con máis investimentos da institución provincial", indicou o nacionalista para engadir que "estase vendendo para darlle un discurso alá. Non dá para máis polo que se investiu vai ser o mesmo que se estaba investindo" e recordou os investimentos destinados ao Estadio de Balaídos e ao campo de fútbol de Coia.
E en relación a un posible pacto, Mosquera indicou que non houbo contacto cos socialistas polo momento, pero tamén aclarou que dende as filas do BNG non se apoiaría o pacto de progreso que está a promover o PSOE: "O progreso é o carimbo do PSOE para o seu PSOE. Tampouco vai haber un pacto nacionalista porque non vamos impoñer o noso carimbo. Vamos con calmiña. Hai moito tempo para falalo. O único que se pode dicir agora son cousas das que un despois se poida arrepentir". E engadiu que os nacionalistas non van aceptar un acordo dunha soa parte."Sería moi sorprendente que non se puidera chegar a acordo pero nos termos nos que se está plantexando non" para apuntar que non se vai sumar a un pacto "só para aplaudir. Será de progreso nacionalista pero tal e como dixeron non".
PLANTA DE COMPOSTAXE
Ese posible pacto, que Mosquera ve posible xa que "sería difícil ou sorprendente que non se chegara a un acordo", non estaría condicionado polas negociacións que se puidesen establecer en relación co Concello de Pontevedra entre ambas as dúas formacións.
Tampouco afectará o futuro da planta de compostaxe de Pontevedra porque segundo César Mosquera, principal valedor do proxecto, "o Plan provincial de lixo é historia cando decidiron non volver a sacar a licitación. Dos 21 concellos que se sumaron ao plan moitos cambiaron de signo. Sería empezar de cero. Se se retoma xa sería distinto. A planta de compostaxe será para Pontevedra. Cabe a posibilidade de que puidera entrar Ponte Caldelas que tampouco sería o óptimo". Alegou que se dende a Deputación se decide levar a cabo o proxecto tería que dedicarlle outros tres anos para poñelo en marcha.