Mosquera: "recuperamos o espazo público para que a xente viva mellor"

Pontevedra
13 de febreiro 2019

  O vicepresidente da Deputación explicou este mércores en Fuerteventura a importancia da determinación política para mellorar a calidade urbana O pedagogo Francesco Tonucci insiste en definir a Pontevedra como o paradigma que outras vilas deben seguir

Intervención de César Mosquera no foro "Cidades dos nenos e das nenas"
Intervención de César Mosquera no foro "Cidades dos nenos e das nenas" / Deputación de Pontevedra

"Recuperamos o espazo público para que a xente viva mellor". Así o manifestou este mércores en Fuerteventura o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, ante máis dun cento de persoas de diferentes administracións canarias nas xornadas de formación organizadas polo Cabildo e o Goberno insular ao abeiro do proxecto internacional "Cidades dos nenos e das nenas" de Francesco Tonucci.

Mosquera explicou que o modelo de mobilidade amable do concello de Pontevedra que agora se está a estender no resto da provincia grazas á Deputación baséase en aumentar a calidade urbana e a calidade de vida da veciñanza. Destacou que o espazo público é un dereito básico ao que nas últimas décadas non se lle prestou demasiada atención e subliñou que é necesario reverter as prioridades volvendo poñer as persoas no centro e retirando os coches.

Neste sentido, instou aos gobernantes canarios a ter determinación política e subliñou que "os medos a reducir o espazo para os coches están máis na cabeza dalgúns responsables que nos propios cidadáns". Indicou que o modelo é perfectamente exportable non só na provincia pontevedresa, senón tamén a calquera outra localidade tendo en conta as súas características e particuliaridades. 

Así manifestouse tamén o propio Francesco Tonucci, quen subliñou que Pontevedra é un modelo ou paradigma que deberían seguir o resto das cidades para converterse en lugares máis "vivibles". O pedagogo lembrou ante os representantes canarios que os coches naceron para a comodidade das persoas, mais non poden ter máis dereitos ca estas nin a prioridade no espazo público.

Unha vez rematada a xornada de formación en Puerto del Rosario na que participaron tamén o asesor de Mobilidade provincial Jesús Fole e a tenente de alcalde de Pontevedra Carme da Silva, a comitiva organizada pola Deputación tiña previsto trasladarse ata a Casa dos Coroneis, no municipio de La Oliva, onde se realizou unha recepción institucional por parte do presidente do Cabildo, e das conselleiras de Educación e Obras Públicas.

Na xornada do xoves está previsto que comece o VI Encontro de Cidades dos Nenos e das Nenas, onde uns 80 representantes de diferentes municipios de todo o estado falarán do traballo realizado pola rede española no último ano.

Participan no IV Encontro de Cidades dos Nenos e das Nenas de Fuerteventura convidados pola Deputación as alcaldesas de Tomiño, Sandra González; de Cambados, Fátima Abal; así como as tenentes de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva; de Ponteareas, María Jesús Garrote; de A Guarda, Miguel A. Español; as concelleiras de O Grove María Ángeles Domínguez; de Ponteareas, Verónica Carrera; de Ribadumia, Enrique Oubiña; de Lalín, Lara Rodríguez; de Vilaboa, Francisco Costa; de A Guarda, María Elena Baz; de Salceda, Teresa Pérez; e de Vilagarcía, Lino Mouriño; así como o inspector xefe da Policía Local de Cangas, José Alberto Agulla Bará.