O vicepresidente da Deputación César Mosquera, fixo este venres un chamamento á xente "boa" e "moi valiosa" para que se presente ás prazas de funcionariado interino para o programa 'trOPOS' da institución provincial.
Este programa pretende modernizar e mellorar as oposicións das administracións locais para que a contratación de persoal público sexa eficaz e que os novos funcionarios sexan na práctica os máis válidos á hora de desempeñar o seu traballo.
A función das dúas persoas que contratará a Deputación para 'trOPOS' (acrónimo de 'transformar oposicións') será a de reestudar os postos de traballo de cada administración, establecer as súas funcións, e en función desa valoración, redactar novas bases de convocatorias de ofertas públicas de emprego, con temarios e exames actualizados, e material de apoio.
Outra das súas funcións será o asesoramento directo aos tribunais cualificadores de cada proba e aos concellos, ademais de realizar tamén cursos de formación.
Segundo explicou Mosquera despois de presidir a Xunta de Goberno, o material que explica os obxectivos do proxecto está xa colgado na páxina web da Deputación resumido na guía 'Conceptos e normas básicas sobre os procesos selectivos'. As bases co temario para facerse cun dos dous postos de funcionario do 'trOPOS', que terán categoría A1, coñeceranse puntualmente no BOPPO a vindeira semana logo de ser presentadas á mesa de negociación cos sindicatos nos últimos días.
Para o vicepresidente provincial a máxima complicación que ten a búsqueda de persoal para este novo proxecto da Deputación é que é "algo moi novidoso" que a día de hoxe non existe noutras administracións.
"Gustaríame que isto levase a máxima difusión e que xente que pode ser moi valiosa e non lé o Boletín lle chegara. Ninguén está a agardar a que poida haber unha praza deste tipo. O fundamental deste proxecto é que o persoal que seleccionemos sexa moi bo. Igual hai xente que está en distintas actividades, nas universidades, egresada ou licenciada, con máster… que non ten nas súas contas presentarse a isto, pero paga a pena", destacou o nacionalista animando á participación.
Mosquera subliñou que "por desgraza a selección de persoal da administración pública estase a facer ao 'trantrán' nestes momentos cun sobreesforzo de funcionarios que se dedican a outra cousa e que non teñen tempo, e vano facendo con boa vontade", motivo polo que a Deputación se decidiu a "poñerlle medios e enerxía" co fin de acadar unha 'revolución' que mellore as oposicións e, como consecuencia, a selección de persoal.
'trOPOS', explicou o vicepresidente, é resultado de cinco anos de traballo e de falar cos membros dos tribunais e das persoas que fan bases de oposicións, para saber onde estaban os problemas e buscar solucións e fórmulas acaídas.
"Aínda que quen se encargou da redacción fun eu, aportacións orixinais fixen poucas, simplemente recoller e encaixar o que me foron expresando. Houbo funcionarios que colaboraron moitísimo. Ao final está o resultado aí", subliñou.
A publicación de 'trOPOS' xa foi distribuída en formato físico entre todos o persoal xefe de servizo da Deputación, e entre as alcaldesas e alcaldes dos concellos da provincia e, en breve, remitirase –na edición en español- entre as principais administracións do Estado, ademais de chegar nominativamente ata a ministra de Función Pública, Carolina Darias, así como á FEGAMP, á FEMP, ao Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e á Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP).