Mosquera expón o "rebote de nivel" das clarisas polas acusacións de Rafa Domínguez

Pontevedra
08 de outubro 2024
Actualizado: 17:22

O concelleiro de Infraestruturas considera que as declaracións do portavoz popular son unha "vendetta" contra as monxas por ter realizado a venda de Santa Clara ao Concello

César Mosquera nunha visita ás escavacións arqueolóxicas en Santa Clara - Arquivo
César Mosquera nunha visita ás escavacións arqueolóxicas en Santa Clara - Arquivo / Deputación de Pontevedra

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, achegou este martes un novo episodio ao conflito aberto entre o goberno local e o Partido Popular, que acusaba o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de participar e asinar "o maior espolio cultural da historia de Pontevedra", polo traslado a Santiago do altar da Virxe dos Desamparados da igrexa de Santa Clara.

Segundo manifestaba o representante do goberno municipal, as monxas clarisas teñen un "rebote de nivel" porque entenden que o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, as acusara "dicindo que hai un roubo, un espolio, e entón quen o fai son elas".

Mosquera indicou que o representante legal da orde relixioso enviara un whatsapp na mañá deste martes 8 amosando o enfado polas declaracións do portavoz do Partido Popular.

"Están a acusalas de ladroas do patrimonio", argumentou sinalando que as monxas puxeran de condición para a venda que todas as pezas de culto "eran delas e non quedaban no convento".

"O cabreo que teñen é do quince", aseguraba o edil ao referirse as propietarias dese material.

"Tentaron sabotear a compra  por activa e por pasiva", engadía o concelleiro facendo referencia a oposición da agrupación popular á compra do convento de Santa Clara por parte do Concello.

Finalmente a operación realizouse "a pesar dos intentos de saboteo" e Mosquera considera que as declaracións de Domínguez son unha "vendetta" dos populares contra as clarisas. 

Insistiu en aconsellar a Domínguez como vicepresidente da Deputación de Pontevedra, que a institución provincial adquira o resto de material de culto que continúa nas instalacións de Santa Clara.

Mosquera insistiu en que estaba falado coas relixiosas a compra dese material que quedaba en depósito, antes do cambio de goberno na Deputación de Pontevedra.

E afirmou que a institución provincial tivo quince meses para adquirir eses elementos de culto. 

Por último, César Mosquera incidía en que a 8 de outubro a Deputación tampouco enviou ao Concello a documentación requerida o 30 de xullo para conceder a licenza para que se acometan as obras previstas no convento.