O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, saíu ao paso das "moi desafortunadas declaracións" efectuadas este xoves na reunión da xunta provincial do PP polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo: "A Deputación de Pontevedra necesita un goberno, non dous; necesita que os orzamentos volvan aos concellos e non estea entre dous partidos políticos", manifestou o presidente do Partido Popular de Galicia.
Aínda que se trataba dun "acto interno", Mosquera asegura que é "moi difícil distinguir" cando Feijóo está a falar como presidente do PPdeG de cando o fai como máximo responsable do goberno galego. "De feito el fixo referencia a entrevistas institucionais", xustificou o nacionalista.
"Moito lle falla a memoria ao señor Feijóo", sinalou o vicepresidente da administración provincial en referencia á proposta do PP para pactar un goberno co BNG, "tamén habería dous gobernos entón" puntualizou Mosquera. "Dicir o contrario ao que se fai é especialmente nocivo", engadiu.
Tamén rexeitou que a Deputación, segundo acusou Feijóo, ignore aos municipios "que máis o necesitan" en detrimento dos de máis tamaño e maior orzamento. "A Deputación trata a todos os concellos por igual, dicir o contrario sería unha mentira" insistiu Mosquera que afirma non saber cales son eses concellos que máis o necesitan, "deben ser os do PP", apostilou.
ENCE
Mosquera tamén comentou que as declaracións de Alberto Núñez Feijóo evidencian algo que el xa apuntara, que na reunión entre Xunta e Deputación "o único que lle preocupaba era meter a Ence no Pazo de Lourizán". O presidente galego declarou este mércores que ve "sorprendente que a Deputación prefira que se vaia deteriorando a que a Xunta consiga o diñeiro para recuperar o seu esplendor".
Unha vez máis, o vicepresidente provincial insistiu en que a Xunta ten comprometido por convenio a conservación deste histórico inmoble, "é a súa obriga", reiterou.
PLANTA DE BIOMASA
Finalmente César Mosquera aludiu á intención da Xunta de tramitar un plan sectorial para que Ence poida situar a súa planta de biomasa en Pontevedra no caso de que o Concello de Pontevedra non concedese autorización para esta instalación. "Xa está baixo un plan sectorial, que se decate", indicou o vicepresidente e concelleiro de infraestruturas no concello da capital.
"O Concello nin quere nin pode" outorgarlle permiso a Ence para a construción da planta de biomasa "Ence está aí e mantense porque hai un proxecto sectorial que fixo a Xunta", aclarou Mosquera animando ao goberno galego a que deixe á empresa pasteira no plan municipal "se se atreve". A Xunta ten que modificar o seu plan sectorial para contemplar a planta de biomasa, segundo explicou o mandatario nacionalista.
"Eu tíñalle por unha persoa informada", dixo Mosquera sobre o presidente da Xunta, lembrando a súa etapa como conselleiro de Obras Públicas.