Mosquera asegura que os concellos do Plan Revitaliza son os únicos que poderán reciclar o 50% dos residuos en 2020

Pontevedra
04 de decembro 2019

O vicepresidente da Deputación César Mosquera salientou que "se na provincia de Pontevedra se compostaran os residuos orgánicos que se producen, só con iso, cumpriríamos os obxectivos de redución de emisións de CO2 que se fixaron no Cumio de París"

Reunión dos concellos do Plan Revitaliza
Reunión dos concellos do Plan Revitaliza / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera mantiveron este mércores unha reunión informativa con alcaldes dos concellos da provincia sobre o Revitaliza na que se deron a coñecer resultados do plan de compostaxe e se adiantaron novidades sobre o seu desenvolvemento. 

Neste acto Mosquera salientou que "se na provincia de Pontevedra se compostaran os residuos orgánicos que se producen, só con iso, cumpriríamos os obxectivos de redución de emisións de CO2 que se fixaron no Cumio de París". 

Segundo dixo o nacionalista, nestes momentos a previsión é que varios concellos cumprirán os obxectivos marcados pola Unión Europea de reciclar en 2020 o 50% de todos os residuos producidos: Mondariz Balneario, Mondariz, Vilaboa, O Grove e As Neves. "Pontevedra andará cerca, con zonas que cumplirán sobradamente, pero pódovos asegurar que eses van ser os únicos de Galiza e probablemente do Estado. Dos moi poucos de Europa", dixo.

O vicepresidente amosouse optimista e indicou que será posible incluso que outros concellos dos que van aplicar a compostaxe como modelo de forma global a curto prazo cumpran coas cifras (Valga, Poio, Tomiño, e Illa de Arousa). 

Mosquera pediu máis implicación por parte dos gobernos locais e sinalou que a Deputación está en condicións de "ir máis rápido" axudando aos concellos, un compromiso para o que incorporarase á xestión diaria o deputado Uxío Benítez.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva lembrou que no Plan Revitaliza están implicados 44 concellos dos 61 da provincia e suliñou que o plan xa recibiu numerosos recoñecementos internacionais.

Silva adiantou que no Cumio Mundial do Clima, ao que está convidada a Deputación de Pontevedra, falará da aposta desta administración provincial por todo o que ten que ver coa transición ecolóxica, "e o Plan Revitaliza é un dos elementos transcendentais para poder amosar ao mundo que está administración está a facer un enorme esforzo e a impulsar un proxecto claro para salvagardar o Medio Ambiente".

O asesor de residuos da Deputación Carlos Pérez insistiu en que o Revitaliza é un plan baseado na compostaxe pero que ten a vocación de afrontar a xestión de todas as fraccións do lixo.

Con números na man, Pérez destacou que no último ano o Concello de Pontevedra mellorou a súa recollida selectiva con respecto a 2015 en máis dun 37% e, no último ano, baixou os envíos a Sogama nun 1,81%. Insistiu en que a tendencia é claramente de redución de envíos e aumento de reciclaxe, asegurando que os resultados macro notaranse aproximadamente no ano 2022 polas dimensións poboacionais e a aplicación do modelo.