"Tiñamos a sospeita, pero agora temos a absoluta constatación". Foi a primeira frase que pronunciou César Mosquera antes de asegurar que "certos sectores" do Partido Popular en Pontevedra e a Xunta de Galicia están "maniobrando" para garantirlle á empresa ENCE a continuidade na súa actual localización en Lourizán máis alá de 2018, data na que caduca a concesión que se lles outorgou no seu día.
Trataríase dunha operación de "máis calado" da que se xerou en 2002, ano no que recordou o edil do BNG, a Xunta perdoou a ENCE seis millóns do canon de saneamento a cambio dunha contraprestación "que se investiu nalgún outro lado". Ese sería, dixo, o anuncio que pretende realizar este mesmo mes de marzo o candidato do PP á Alcaldía, Jacobo Moreira, co beneplácito do goberno autonómico.
A cambio de "regalar" a ENCE uns mil millóns de euros -diñeiro no que Mosquera calcula que estaría valorada a nova prórroga que se lle concedería á empresa-, a pasteira seguiría en Lourizán mediante o pagamento dun canon "mínimo" anual que sería reinvestido en tarefas de saneamento da Ría. Asegura que esta operación que se está "a intentar cocer" só está a encontrar "certas reticencias" no departamento de Costas do Estado.
Segundo o goberno municipal esta estratexia é "escandalosa" porque supeditaría a continuidade de ENCE a cambio do pagamento de "algún millonciño". Neste sentido, Mosquera sinalou que "agora que se fala tanto de corrupción, regalarlle a unha empresa tantos cartos crea unha situación que potencialmente é perigosísima". E é que o edil nacionalista insiste que isto non sería un acordo, senón un "regalo" a ENCE.
En toda esta escenificación enmarcaríase, sinalou César Mosquera, os recentes anuncios realizados pola conselleira de Medio, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, ou a recente intervención no Parlamento do propio Jacobo Moreira en relación coa posta en marcha dun estudo sobre as necesidades de saneamento da Ría de Pontevedra. Anuncios "fastuosos", dixo, que levarán a este acordo que agora denuncian publicamente.