Mosquera asegura que a Deputación acometerá a mellora e ensanche da estrada Xesteira-Almofrei

Cerdedo-Cotobade
30 de decembro 2015

O asunto foi abordado no pleno extraordinario da institución celebrado este martes a raiz dunha moción presentada polo grupo provincial do Partido Popular na que se demandaba un impulso para este proxecto do anterior goberno de Rafael Louzán

Pleno da Deputación
Pleno da Deputación

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, expresou o compromiso do goberno provincial para retomar o proxecto de mellora e ensanche da EP-0405 Xesteira-Almofrei, en Cotobade.

O asunto foi abordado no pleno extraordinario da institución celebrado este martes a raiz dunha moción presentada polo grupo provincial do Partido Popular na que se demandaba un impulso para este proxecto do anterior goberno de Rafael Louzán.

A moción foi rexeitada cos votos do PSOE e BNG, logo de recriminar o vicepresidente da institución a actitude dos populares.

Mosquera explicou que o goberno que presidiu Rafael Louzán deixou comprometidas numerosas obras con problemas nas actas de replanteo ou sen dotación económica. E ademáis, engadiu que "as respetables investigacións xudiciais paralizaron o normal funcionamento da institución".

"Pero non se preocupen, vaise actuar nela", insistiu César Mosquera antes de explicar que o goberno provincial ía votar en contra da moción porque "coñecendo estas circunstancias non as tiveron en conta á hora de meter presión política".

Pola súa banda, o voceiro popular, Ángel Moldes, volveu este xoves a acusar ao Goberno da Deputación de ter paralizada esta obra, lembrando que xa pasaron oito meses desde a aprobación definitiva do proxecto e seis desde a toma de posesión do actual bipartito e esta obra "urxente" continúa sen adxudicarse e sen executarse, e "con esta negativa os únicos prexudicados son os veciños de Cotobade".