Mosquera advirte que o BNG na Deputación rexeita o trasvase de auga do río Verdugo

Pontevedra
07 de decembro 2017

"Desde logo non o imos a aceptar, polo fondo e pola forma", dixo o nacionalista César Mosquera este xoves nunha rolda de prensa en Deputación ao ser preguntado polos xornalistas. "Así de entrada, se non hai outra novidade, o noso posicionamento é claro: Non o imos a aceptar, imos estar en contra"

Manifestación en Soutomaior contra o trasvase do Verdugo
Manifestación en Soutomaior contra o trasvase do Verdugo / PontevedraViva

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegurou que o posicionamento do BNG no goberno provincial é de rexeitamento ao trasvase de auga do río Verdugo proxectado pola Xunta para garantir o abastecemento dos concellos da área metropolitana de Vigo.

"Desde logo non o imos a aceptar, polo fondo e pola forma", dixo o nacionalista César Mosquera este xoves nunha rolda de prensa en Deputación ao ser preguntado polos xornalistas. "Así de entrada, se non hai outra novidade, o noso posicionamento é claro: Non o imos a aceptar, imos estar en contra, por iso estiven onte alí", dixo en referencia á manifestación celebrada este mércores en Soutomaior na que participou en calidade de vicepresidente da administración provincial e concelleiro do BNG en Pontevedra.

Mosquera tentou quitarlle peso a esta polémica asegurando que "non pasa absolutamente nada, pode haber outros posicionamentos, faltaría máis", aclarou respecto dos seus socios do Partido Socialista no goberno provincial.

En todo caso, Mosquera puntualizou por parte da Xunta de Galicia non se lle expuxo este asunto á Deputación e comentou que "non creo que haxa ningún problema na tramitación porque a Deputación non ten que posicionarse", engadindo que no caso de que sexa necesaria esta participación "cada un posicionarase e a nosa posición xa está clara como grupo".

O vicepresidente referiuse ao proxecto de trasvase apuntando que "na forma é absolutamente tremendo" xa que aos tres concellos afectados: Pontevedra, Ponte Caldelas e Soutomaior "non é xa que non se lles pida autorización, trámites, audiencia, nin tan sequera se lles comunica, unha cousa que é francamente inaudita". Doutra banda valorou que "estas cousas non se resolven pola vía de urxencia, acordándose de Santa Bárbara cando trona".

Mosquera puxo como exemplo a xestión da auga feita na ría de Pontevedra e os investimentos de máis de 30 millóns de euros acometidas desde o ano 2008 e destacou que o nivel de fugas en Pontevedra rolda o 3% "cando a maioría dos sistemas están no 20, 30 ou mesmo o 50% de fugas de auga".

"Claro iso non se ve, non queda bonito, é moito máis agradecido facer un parquiño ou outras cosas monas", comentou.

Finalmente o vicepresidente da Deputación pediu que se afronte "con estudos serios e con calma" o estado no que se atopa o sistema de abastecemento á área de Vigo "e se ten deficiencias haberá que afrontalo" e rexeitou unha solución "para correr para ver se saímos do paso".

REACCIÓN DO PP

A portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Elena Muñoz, dixo estar "sorprendida" pola presenza do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, na manifestación celebrada este mércores en Soutomaior contra "o trasvase de auga que necesita Vigo".

Elena Muñoz preguntou se Carmela Silva pediralle contas respecto diso, tras lembrar que a presidenta provincial e tenente de alcalde de Vigo "está totalmente desaparecida" esta semana "durante unha situación de crise na cidade" e que "nin está nin se lle espera".

Muñoz defendeu o trasvase de auga do río Verdugo proxectado pola Xunta para garantir o abastecemento de concellos da área metropolitana de Vigo "por ser unha obra indispensable" e lembrou que "se fai por unha situación de emerxencia", destacando que será realizada pola Xunta de Galicia "porque o pediu o goberno de Vigo, a pesar de ser unha obra que tería que facer o propio concello".

A portavoz popular apuntou que César Mosquera debe aclarar a súa asistencia á manifestación e dixo confiar en que tanto Abel Caballero como Carmela Silva "pidan tamén explicacións ao vicepresidente provincial por participar nunha manifestación en contra de Vigo".

Arquivado en